A XUNTA INCREMENTOU NUN 70% AS PRAZAS DE MÉDICO DE URXENCIAS HOSPITALARIAS DENDE 2010
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
14 03 2024

O conselleiro de Sanidade en funcións, Julio García Comesaña, destacou hoxe, no acto de inauguración do Congreso de SEMES Galicia, que a Xunta incrementou dende o ano 2010 nun 70% as prazas de médico de urxencias hospitalarias, ao pasar dos 284 facultativos aos 464 dos que dispón na actualidade, o que supón 180 efectivos máis. Tal e como referiu o titular da carteira sanitaria, o último incremento produciuse cos orzamentos deste ano, que habilitaron 74 novas prazas para poder reducir a carga horaria de traballo nestes servizos. Unhas prazas que, -segundo sinalou o conselleiro-, xa se están a cubrir con contratos de longa duración.

Neste acto de inauguración, que tivo lugar no Hospital Universitario de Lugo, e ao que tamén asistiu o xerente da área sanitaria, Ramón Ares, así como o presidente da Sociedade Española de Medicina de Urxencias e Emerxencias, (SEMES), José Manuel Vázquez Lima, o conselleiro dixo que o seu departamento xa trasladou aos sindicatos a súa intención de crear outras 62 prazas de médicos de urxencias ata 2026. Con esta medida, -proseguiu Comesaña-, serían un total de 526 facultativos desta especialidade, o que suporía un incremento de 242 efectivos e un aumento do cadro de persoal dos servizos de urxencias galegos de ata o 85% nun período de 17 anos.

Tamén dixo o conselleiro que o Sergas está en plena negociación de mellora das condicións destes profesionais, no marco da Comisión de seguimento do acordo regulador da xornada, retribucións e condicións de traballo dos médicos de urxencias hospitalarias.

Aposta pola especialidade de urxencias

O máximo responsable da sanidade pública galega destacou, na súa intervención, a aposta de Galicia pola creación da especialidade de medicina de urxencias e emerxencias. Así, -tal e como remarcou o conselleiro-, Galicia liderou a defensa desta medida dentro do Consello interterritorial e foi relatora do informe que finalmente aprobou a creación da especialidade. Aínda hoxe, Comesaña sinalou que seguimos á espera de que esa creación se acompañe do seu decreto regulador e da entrada en vigor. A tal efecto, o responsable do Sergas subliñou que o Executivo galego seguirá presionando para que ocorra canto antes, posto que xa se perdeu a oportunidade de incorporar as prazas nesta última convocatoria MIR. Comesaña insistiu, así mesmo, que todas as novas prazas formativas de urxencias deben ser a maiores das de medicina de familia, para que haxa ganancia neta de profesionais en ambas especialidades.

Melloras en infraestruturas

Tal e como puxo en valor o responsable do Sergas na inauguración do Congreso, grazas ás obras realizadas na última década no hospital da Coruña, no Clínico de Santiago de Compostela, no Álvaro Cunqueiro de Vigo, no do Salnés en Vilagarcía de Arousa e no Hospital de Barbanza en Ribeira, a Xunta ampliou en case 6.000 m2 as áreas de urxencias dos hospitais galegos.

Segundo detallou Comesaña, a previsión de ampliación das áreas de urxencias a través das actuacións en marcha no hospital de Verín, no novo Montecelo en Pontevedra, no de Santiago de Compostela, no da Mariña e no da Coruña, suporá un aumento de máis de 11.000 metros cadrados nos próximos anos. Deste xeito, entre as obras xa efectuadas pola Xunta, e as que están en marcha, os hospitais públicos galegos terán aumentado a superficie dedicada ás súas urxencias en máis de 17.000 metros cadrados, para atender ás 7.000 urxencias que se xeran ao día en Galicia.

Xunto ao anterior, a Xunta aumentou os medios materiais do 061 ata chegar a máis de 120 ambulancias, conscientes do importante traballo de atención ás urxencias que se fai dende este organismo, que está a rexistrar unha actividade récord e cunha calidade cada vez maior, ademais da alta satisfacción amosada por parte dos pacientes.

Igualmente, o conselleiro dixo que a Xunta ten desenvolto, nos últimos anos, plans de actuación vencellados á atención das urxencias, como a creación do Rexistro galego do infarto de miocardio, a aprobación do Plan de atención ao ictus, o Plan de asistencia á sepse, ou á anafilaxe, ademais da creación da Comisión galega de seguridade clínica e calidade asistencial dos servizos de urxencias hospitalarias.

Na súa intervención, o titular da carteira sanitaria tamén aproveitou para destacar o papel do doutor Vázquez Lima no comité clínico que asesorou ao Sergas durante a pandemia.

 
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Consellería de Sanidad - Servicio Gallego de Salud