GALICIA COLÓCASE Á VANGARDA DO DESENVOLVEMENTO DA INTELIXENCIA ARTIFICIAL NA SANIDADE PÚBLICA COA CONSTITUCIÓN DO SEU CONSELLO TÉCNICO ASESOR
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
19 03 2024

Galicia é a primeira comunidade autónoma en contar con especialistas que asesoren á sanidade pública de forma específica ao constituír hoxe o Consello técnico asesor en intelixencia artificial e espazo de datos do sistema público de saúde galego.

Antes da súa constitución, o conselleiro de Sanidade en funcións, Julio García Comesaña, destacou a composición dos 16 integrantes do consello. “Ademais de responsables do Sergas e da Amtega, contamos no equipo con profesores das tres universidades galegas, coa presidenta do Comité de ética da investigación con medicamentos de Galicia e representantes de colexios profesionais e da industria tecnolóxica galega”, enumerou Comesaña. 

Entre as funcións do consello está o asesoramento na política da Consellería de Sanidade en materia de intelixencia artificial e uso seguro e ético dos datos ou a elaboración de mapas de demanda temperá para definir, entre outras cousas, en que áreas se debe dirixir a investigación ou que solucións precisa a atención sanitaria.

Como exemplos de uso da intelixencia artificial no Sergas actualmente, o conselleiro en funcións mencionou a súa utilización en diagnóstico por imaxe nas urxencias hospitalarias á hora de diagnosticar fracturas ou lesións de tórax. Con esta ferramenta, axilízase o proceso de diagnóstico e, no caso de presentar algunha dúbida, os facultativos apoiaríanse nos radiólogos. 

No que atinxe á intelixencia artificial, ademais da constitución deste consello técnico asesor do sistema público de saúde de Galicia, a Xunta mantense á vangarda na regulación desta área. Así, o pasado ano o Goberno galego iniciou a tramitación do anteproxecto de lei para o desenvolvemento da intelixencia artificial e será a primeira rexión de Europa en regular por lei o uso desta ferramenta.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Consellería de Sanidad - Servicio Gallego de Salud