A CONSELLERÍA DE SANIDADE E ADOS SALIENTAN A EXCELENTE RESPOSTA DA CIDADANÍA GALEGA NAS CAMPAÑAS DE DOAZÓN DE SANGUE DO 2023
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
28 03 2024

A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) publicou no día de hoxe, os datos de actividade da área de hemodoazón, quedando patente a excelente resposta da cidadanía galega a favor do xeneroso xesto da doazón de sangue. A directora de ADOS, Marisa López García, traslada a súa gratitude a todas e cada unha das persoas que fixeron posible que, no pasado 2023, se contabilizasen 103.525 doazóns de sangue, o que permitiu ofrecer unha resposta axeitada ás necesidades hemoterápicas dos hospitais galegos.

Novos doantes

As 103.525 doazóns acadadas ao longo do ano 2023 representan unha taxa de 38,4 doazóns por cada mil habitantes e ano, o que, a falta de coñecer os datos definitivos de participación de todas as Comunidades Autónomas, de seguro situarán a Galicia como unha das rexións españolas con maior nivel de participación nas campañas de doazón de sangue.

ADOS quere agradecer a todas as persoas doantes o seu compromiso, resaltando que o pasado ano, 9.564 persoas doaron sangue por primeira vez na súa vida, incorporándose á actual base de doantes de Galicia.

Neste sentido, ADOS quere agradecer a boa disposición e colaboración de todos os concellos galegos, así como as empresas, centros educativos universitarios e non universitarios, colectivos de voluntarios e, en xeral, a toda a cidadanía galega por posibilitar o mantemento dunha actividade imprescindible para un funcionamento axeitado do noso sistema sanitario.


PROVINCIA

DOAZÓNS

2023

TAXA DE DOAZÓN

2023

A Coruña

47.518

42/1.000

Lugo

7.598

24/1.000

Ourense

9.110

30/1.000

Pontevedra

39.299

42/1.000

TOTAL

103.525

38,4/1.000


Un dos aspectos destacables nas estatísticas de participación do 2023 é a concentración do 44% das doazóns nas sete grandes urbes galegas, nas que se rexistraron 45.627, o que supón un índice de 46/1.000. Sendo a cidade de maior taxa de doazóns Santiago de Compostela, con 88/1.000, aínda que en números totais foi a o concello de Vigo o que obtivo as maiores cifras, con 12.741 doazóns de sangue.


CIDADE

DOAZÓNS

2023

TAXA DE DOAZÓN

2023

A Coruña

10.068

41/1.000

Ferrol

2.980

47/1.000

Santiago de Compostela

8.686

88/1.000

Lugo

3.093

31/1.000

Ourense

4.107

39/1.000

Pontevedra

3.952

48/1.000

Vigo

12.741

43/1.000

TOTAL

45.627

46/1.000


Participación por concellos

A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue destaca que o concello con maior taxa de participación de Galicia, excluíndo as sete grandes cidades, foi o municipio coruñés de Melide, con 86 doazóns por cada 1.000 habitantes e ano.

Na provincia de Lugo, Meira foi o concello con maior taxa de doazóns, cun índice de 51/1.000; na de Ourense, Xinzo de Limia tivo unha taxa de 55/1.000; e na de Pontevedra, o concello de maior participación foi o de Salceda de Caselas con 72/1.000. 


PROVINCIA

CONCELLO MÁXIMA TAXA DE DOAZÓN

DOAZÓNS

2023

TAXA DE DOAZÓN

2023

A Coruña

Melide

649

86/1.000

Lugo

Meira

90

51/1.000

Ourense

Xinzo de limia

525

55/1.000

Pontevedra

Salceda de Caselas

680

72/1.000


Campañas universitarias

Un dos apartados nos que ADOS está a desenvolver unha gran actividade, é a campaña de sensibilización en centros universitarios dos sete campus galegos que, ao longo da primeira fase de doazón nas tres universidades galegas levada a cabo no presente curso académico, realizada dende finais de setembro ata novembro, acadáronse 2.234 doazóns de sangue. Desenvolvéndose, neste momento, a segunda fase de febreiro a abril.

Compromiso coa calidade

A Axencia de doazón de órganos e sangue (ADOS) conta cos máis altos estándares de calidade que se poden obter no ámbito sanitario pois, na actualidade, ADOS dispón da máxima certificación de calidade ISO 9001:2015, así como as acreditacións de calidade outorgadas polo Comité de Acreditacións da Transfusión (CAT) e a European Federation for Immunogenetics (EFI).

Ademais, durante o ano 2023 continuouse co programa de melloras en infraestruturas iniciada hai oito anos, coa incorporación dunha nova unidade móbil para a provincia de Ourense, que se engadiu ao renovado parque de vehículos de ADOS.

Dende ADOS manifestar o recoñecemento a todas as persoas, institucións, empresas e asociacións que colaboran nas campañas informativas a prol da doazón de sangue, en especial ás Irmandades de  Doantes de Sangue e, como non podía ser doutra maneira, a todas as persoas que doaron sangue durante o ano 2023.​

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Consellería de Sanidad - Servicio Gallego de Salud