A XUNTA AUMENTA A PROTECCIÓN FRONTE Á PNEUMONÍA, MENINXITE E SEPSE COA INCLUSIÓN NO CALENDARIO GALEGO DA VACINA ANTIPNEUMOCÓCICA 20 VALENTE PARA MENORES
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
04 04 2024

O Consello da Xunta autorizou a subministración sucesiva da vacina antipneumocócica conxugada de 20 serotipos, por un valor estimado de 11,5 millóns de euros en dous anos, coa que se aumentará a protección fronte enfermidades leves do tracto respiratorio superior e formas graves como a pneumonía, a meninxite ou a sepse. A vacina, que xa se administraba aos 65 anos e a grupos de risco, está agora indicada por debaixo dos 18 anos polo que se incluirá a menores que formen parte dos grupos de risco e no calendario galego de inmunización ao longo de toda a vida a bebés con tres doses -aos dous, catro e seis meses de idade- e cun reforzo aos 11 meses.

Desta forma, Galicia substituirá a vacina 13 valente pola presentación máis completa que se comercializa na actualidade, cunha composición que protexe fronte a 20 serotipos do Streptococus pneumoniae. Entre as súas vantaxes, a vacinación antipneumocócica diminúe a morbimortalidade especialmente pola enfermidade pneumocócica invasiva e contribúe a reducir a necesidade de uso de antibióticos e as resistencias a estes medicamentos. 

Protección catro veces superior

Estímase que a vacina 20 valente pode chegar a unha protección catro veces maior que a 13 valente, tendo en conta os serotipos que circulan na nosa comunidade. Segundo os datos de vixilancia epidemiolóxica da Consellería de Sanidade, o 60 % dos casos de enfermidade pneumocócica invasiva (ENI), incluídas as formas máis graves como a sepse e a meninxite, son debidos a serotipos que estarán presentes na nova vacina. Polo tanto, calcúlase que poderían diminuír os ingresos nesa porcentaxe do 60 %, sendo 203 casos en 2023.

Esta mellora do calendario vacinal galego, proposta pola Dirección Xeral de Saúde Pública, suporá un custo anual de 908.570 euros. No caso de 2024, ao incorporar a medida no mes de abril, o investimento a maiores será de 640.000 euros con respecto ao ano pasado. A previsión do número de doses que se administrarán será de 55.000 en 2024 e 56.000 o próximo ano.

A Xunta para o ano 2024 incrementou o investimento no Programa galego de vacinación nun 40 %, situándose preto dos 40 millóns de euros e duplicando o orzado desde o ano 2020. Este incremento responde á incorporación nestes anos, entre outras, das vacinas fronte á meninxite B, a bronquiolite polo virus respiratorio sincitial, o rotavirus, o herpes zóster ou a citada vacina antipneumocócica conxugada de 20 serotipos. Así, Galicia afianza a súa aposta pola saúde pública co calendario de vacinación máis completo de España.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Consellería de Sanidad - Servicio Gallego de Salud