​O SERVIZO GALEGO DE SAÚDE DESTACA AS VANTAXES DE REALIZAR A FORMACIÓN MIR EN GALICIA
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
05 04 2024
 

O Servizo Galego de Saúde convida ao conxunto dos médicos internos residentes (MIR) a traballar nos centros sanitarios públicos galegos, destacando as vantaxes e condicións laborais que ofrece a Sanidade galega. 

Así, a nivel retributivo o persoal residente en formación en Galicia conta cunhas condicións que oscilan entre os 36.000 euros dos MIR 1, até os 51.000 euros que acada o persoal médico en formación R5 (inclúe 4 gardas en días laborais e 1 garda de fin de semana). 

No que atinxe ás xornadas ordinarias, compútanse un total de 1.575 horas ao ano, remunerándose de xeito adicional o traballo realizado nas quendas do sábado pola mañá. Sobre este particular, cómpre destacar que as libranzas das gardas estarán garantidas -incluídas as dos sábado-.

Nestes intres, a Sanidade pública galega ten activas importantes políticas de emprego, destacando a oferta de contratos específicos para persoal residente que termina a súa formación, e entre a que destacan a posibilidade de asinar un contrato que se estenderá durante 3 anos, como acontece no caso das especialidades de Medicina Familiar e Comunitaria ou de Pediatría de Primaria, así como noutras especialidades de tipo hospitalario.

De acordo a alta presenza de mulleres no ámbito da formación sanitaria especializada, o Sergas conta con medidas dirixidas a mellorar o seu benestar. Neste senso, dispón dun compendio de 23 medidas destinadas as mulleres embarazadas traballadoras,  que ademais non sufrirán ningunha perdida retributiva. Xunto co anterior, o Servizo Galego de Saúde pon a súa disposición garderías en varios hospitais, así como parazas de aparcadoiro específicas ou condicións especiais de adaptación, entre outras.

Nesta mesma liña, o Sergas conta con 18 permisos vencellados á conciliación da vida persoal e familiar. No Sergas coidamos ao noso persoal e preocupámonos polo seu benestar.

Máis de 950 titores altamente cualificados

Ademais das condicións laborais que ofrece o Servizo Galego de Saúde, a Sanidade pública galega conta cun excelente equipo de titores e titoras. Así, un total de 950 profesionais altamente cualificados e cunha ampla experiencia acompañarán aos MIR nas diferentes especialidade clínicas.

A todo isto, débense engadir as boas infraestruturas sanitarias coas que conta Galicia, uns espazos de traballo que foron renovados recentemente, na súa maioría, e que están dotados coa máis alta tecnoloxía e equipamento do ámbito sanitario.

Esta conxuntura facilita que o persoal residente poida completar a súa formación accedendo a equipos de última xeración, ademais de estar en disposición de seleccionar a súa ampla oferta formativa, e que se fai extensiva ao eido da investigación, no que a nosa comunidade conta con 3 institutos acreditados.

Ademais, as diferentes especialidades de Enfermería están moi desenvolvidas en Galicia, tanto no caso da Enfermería familiar e comunitaria,  como no caso da enfermería pediátrica. Así, os persoal EIR que opte por formarse na nosa comunidade disporá de ofertas de emprego específicas.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Consellería de Sanidad - Servicio Gallego de Salud