AS CONSELLERÍAS DE SANIDADE DE GALICIA E ARAGÓN REÚNENSE PARA INTERCAMBIAR EXPERIENCIAS EN MATERIA DE CONTRATACIÓN CENTRALIZADA
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
06 04 2024

Directivos das Consellerías de Sanidade de Galicia e Aragón mantiveron esta semana unha reunión telemática de traballo para poñer en común os avances de ambos departamentos en materia de contratación centralizada e as súas implicacións orzamentarias. Neste contexto, Galicia conta cun plan de compras centralizadas que permitiu ao Executivo galego acadar importantes aforros e unha maior homoxeneidade nos produtos a empregar polas sete áreas sanitarias.

Na reunión, por parte da Consellería de Sanidade estivo presente a secretaria xeral técnica, Natalia Lobato Mosquera; a directora xeral de Recursos Económicos do Sergas, María Jesús Piñeiro Bello; e a subdirectora xeral de Compras e Servizos, Lara Otero López. Por parte do Goberno de Aragón, participaron na xuntanza o secretario xeral de Sanidade, Jorge Emperador; a xefa de servizo de Xestión Económica, Beatriz Latorre; e o director da Área Económica do Servizo Aragonés, José Julio Gil.

Mellora da calidade asistencial

Na última lexislatura, foron máis de corenta os contratos centralizados para material de uso común e repetitivo nas sete áreas sanitarias galegas. Así, a Consellería de Sanidade mellora a calidade e equidade asistencial e a sustentabilidade económica do sistema sanitario público galego, grazas á programación dos Plans de compras.

Nos últimos anos, autorizáronse as compras de subministración sucesiva de todo o material funxible necesario para realizar probas de determinación de gases en sangue, así como o arrendamento do equipamento necesario para efectuar as ditas probas e o mantemento do devanditos equipos (cun aforro do 38,26 %), de tubos endotraqueais e cánulas de traqueostomía (18,66 %), e de diverso material necesario para o tratamento de feridas con sistemas de terapia de presión negativa (22,17 %).

Xunto ao anterior, autorizáronse compras de equipamentos de cobertura cirúrxica (22,43 %), de analizadores sanguíneos portátiles e de reactivos para realizar probas de detección rápida para a determinación de hemoglobina glicada, proteína C reactiva e gasometría portátil para os centros sanitarios de atención primaria (21,11 %), de sistemas de monitorización da glicosa necesarios para a medición da glucemia en diabéticos tipo I para pacientes adultos (4,20 %), de reactivos e material funxible para realizar o cultivo automatizado de bacterias aerobias, anaerobias e fungos de mostras de sangue ou outros fluídos biolóxicos nos laboratorios de microbioloxía (10 %).

Outras compras autorizadas foron de xeradores de impulso e eléctrodos para o tratamento de trastornos do movemento (4 %), de balóns convencionais de dilatación coronaria necesarios para efectuar as técnicas de cardioloxía intervencionista (aforro medio estimado na futura licitación dun 15-16 %), de balóns especiais de dilatación coronaria e valvular necesarios para realizar a técnicas de cardioloxía intervencionista (redución dos prezos prevista dun 14 %). 

Tamén se autorizaron compras de próteses e expansores mamarios (estimación do 25 %), de material para cirurxía cardíaca (estimación do 4 %), de equipamentos de protección individual, máscaras cirúrxicas e produtos de base alcohólica para antisepsia de mans (estimación do 16 %), e subministración sucesiva de dispositivos de asistencia ventricular de longa duración con destino ás áreas sanitarias da Coruña e Cee; Santiago de Compostela e Barbanza; e Vigo.

 
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Consellería de Sanidad - Servicio Gallego de Salud