A XUNTA LICITARÁ A OBRA DA REFORMA INTEGRAL DO CENTRO DE SAÚDE DA MILAGROSA CUN INVESTIMENTO APROXIMADO DE 3,1 M€
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
10 04 2024

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e a directora xeral de Planificación e Reforma Sanitaria, Sofía López Linares, visitaron o centro de saúde da Milagrosa, para explicar a reforma integral do centro de saúde, que contará cun investimento aproximado, por parte do Goberno galego, de 3,1 millóns de euros, para unha superficie duns 1.600 metros cadrados. No acto estivo presente, asi mesmo, o xerente da Área Sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte, Ramón Ares Rico.

Comesaña sinalou que esta reforma dá continuidade ao Plan de Infraestruturas sanitarias de Atención Primaria, que a Xunta aprobou no ano 2021. Tal e como detallou o conselleiro, a reforma foi encomendada á Axencia Galega de Infraestruturas, que licitou a redacción do proxecto en decembro de 2022 e se adxudicou en 2023. Unha vez aprobados os proxectos básicos e de execución, licitarase a obra neste verán e comezará no 2025.

O obxectivo da Xunta é dotar o centro de saúde da Milagrosa de 6 consultas de medicina xeral e outras tantas de enfermería; 2 salas de docencia; 1 despacho de traballo social; 2 salas polivalentes; 1 sala de técnicas; 1 de urxencias; e 1 de toma de mostras. Tamén disporá de área de admisión e zonas para o persoal, mellorando espazos existentes como o de coordinación ou sala de xuntas, e incorporando outros novos, como o de sala de estar e vestiario, e as consultas de docencia e as salas polivalentes.

O actual centro de saúde foi construído a finais dos anos 60 como clínica sanatorio e, aínda que a súa estrutura está en bo estado de conservación, faise necesaria a renovación do resto da construción, como son as fachadas e cubertas e tamén procurar a mellora da accesibilidade tanto interior como exterior.

Sendo así, a partir do proxecto, que xa está a piques de ser aprobado, cambiarase a distribución das plantas na súa totalidade, reorganizándose e ampliando consultas e zonas de espera, realizando aseos adaptados e zonas de servizos.  

As instalacións adaptaranse ás necesidades e normativa actuais, modificando a estrutura debido á incorporación dun ascensor porta padiolas e tamén a cuberta para incorporar programa de usos baixo a mesma. 

Unha vez realizada esta distribución por plantas, o andar baixo destinarase a accesos, recepción, consultas e salas de acceso próximo á entrada, así como espera e servizos. As plantas primeira e segunda reservaranse para consultas, espera e servizos. A planta baixo cuberta destínase aos locais específicos de médicos e o soto a almacenaxe e espazo de libre disposición. 

As zonas de espera contarán con iluminación natural e haberá unha galería como espazo para colchón térmico. As fachadas, partindo de máxima eficacia e economía e baixo mantemento, resolveranse en galería de vidro. 

Compromiso con Lugo

Na súa intervención no acto, o conselleiro reiterou o compromiso da Xunta coa área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos, coa posta en marcha do CIS, un investimento de 16,5 millóns de euros, e que xa se erixe como un espazo de referencia para a sanidade pública lucense. 

Tamén dixo que, dende o ano 2009, a Xunta construíu ou reformou en Galicia un total de 135 centros de saúde, o que supuxo actuar sobre máis de 85.000 metros cadrados. A eles hai que engadir os catro que están en marcha, (Lalín, O Porriño, Moaña e o CIS Olimpia Valencia en Vigo) co que, en total, o Goberno galego investiu, nestes anos, máis de 158 millóns de euros en infraestruturas sanitarias de atención primaria.

 
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Consellería de Sanidad - Servicio Gallego de Salud