A XUNTA INVISTE 9,1 M€ NA CONTRATACIÓN DO SERVIZO DE TRANSPORTE SANITARIO TERRESTRE NON URXENTE E HOSPITALARIO URXENTE DA ÁREA SANITARIA DE PONTEVEDRA E O SALNÉS
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
15 04 2024

O Consello da Xunta autorizou hoxe a contratación do servizo de transporte sanitario terrestre non urxente (ambulatorio e hospitalario) e o hospitalario urxente da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, por un importe total de licitación de 9.121.277 euros, e un período de 24 meses, que  contará a partir do 1 de xullo. A finalidade do contrato é  a consecución dos máximos niveis de eficiencia na prestación deste transporte sanitario, establecendo os protocolos e procedementos que se estimen necesarios para a consecución de tal fin.

O transporte sanitario, tanto programado como hospitalario, consiste no desprazamento de enfermos por causas exclusivamente clínicas, cuxa situación lles impida desprazarse nos medios ordinarios de transporte. O transporte sanitario abrangue ao paciente, ao acompañante se for necesario e aqueles accesorios ou elementos supletorios que, suxeitos a criterios facultativos, sexan necesarios para permitir e facilitar o traslado e posterior desenvolvemento do paciente do xeito más digno e autónomo posible.

Son os criterios médicos os que determinarán as ambulancias asistenciais ou non asistenciais e as características técnicas e o equipamento sanitario preciso en función das necesidades do paciente.

Modalidades

As modalidades de transporte sanitario incluídos no contrato son o transporte programado, o hospitalario e o traslado entre comunidades autónomas. O programado fai referencia ao traslado de enfermos ambulatorios aos centros sanitarios pertencentes ao Sergas como aos concertados con este, para recibir asistencia sanitaria de xeito programado xa sexa para consulta, tratamento ou realización de probas, e, logo da finalización deste, o retorno aos seus domicilios. 

O transporte hospitalario refírese aos ingresos, ás altas, aos traslados interhospitalarios para a realización de consultas, probas e/ou tratamentos de carácter ordinario e urxente.

O traslado a  outra comunidade atinxe á asistencia sanitaria en centros referentes a nivel nacional en certas patoloxías, técnicas ou tratamentos.

Máis de 100.000 servizos anuais

O número de servizos estimados totais na contratación deste servizo é de máis de 100.000 anuais, dos que máis de 81.000 son convencionais programados e preto de 20.000 transporte hospitalario. Tendo en conta o número de servizos prestados, máis de 100.000, calcúlase que o cadro de persoal necesario para a prestación do servizo sitúase en 79 condutores, sete máis que o contrato anterior, aos que hai que engadir 3 xefes de tráfico e dous administrativos.

Para a determinación do custo dos salarios e demais complementos, tívose en conta o número de traballadores necesarios para realizar as tarefas obxecto do contrato e as táboas salariais establecidas no convenio laboral, así como a subida acordada no V convenio colectivo de transporte sanitario de enfermos e accidentados en ambulancia, recollendo unha suba salarial do 4 % para 2024 e do 4,25 % para 2025. Ademais, considérase un aumento das axudas de custo, do complemento de transporte, e das retribucións de festivos e días especiais, entre outros incentivos.

No que se refire á xornada e número de horas, o convenio inclúe unha rebaixa de 8 horas para 2024 e 16 horas para 2025. Así mesmo, aquelas persoas que realicen traballo nocturno verán reducida a súa xornada laboral outras 24 horas en 2025. 

A redución da xornada supón necesariamente un incremento no número de traballadores necesarios para a cobertura dos servizos, que se tivo en conta nas distintas anualidades.

Incremento de ambulancias

Para a nova licitación establécense 43 ambulancias para a área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, o que supón cinco máis que no contrato anterior. Sinalar, así mesmo, que o adxudicatario deberá adscribir á execución do contrato polo menos tres vehículos eléctricos ou híbridos. Así mesmo, introdúcese un criterio de adxudicación para favorecer a conciliación da vida laboral, persoal e familiar, segundo o establecido no artigo 57 da Lei 5/2021, de impulso demográfico de Galicia.

O transporte sanitario realizarase en vehículos especialmente acondicionados e debidamente autorizados que se axusten ás seguintes categorías: 

Ambulancias non asistenciais. Esta categoría comprende as seguintes clases: ambulancias de clase A1 ou convencionais: son os vehículos destinados aos traslados de pacientes que, por presentar imposibilidade física ou por causa médica xustificadas, non poden facer uso doutros medios de transporte, sendo preciso o seu traslado en padiola.

•Ambulancias de clase A2 ou de transporte colectivo: é o que se realiza en vehículos especialmente acondicionados para o traslado conxunto de pacientes cuxo traslado non revista carácter de urxencia, ni padezan enfermidades infecto-contaxiosas.

Ambulancias asistenciais de clase C, ou de soporte vital avanzado: aquelas que reúnen os recursos necesarios para a estabilización de pacientes e o control e o mantemento de funcións vitais.

Do total de 43 vehículos que se establece para a nova licitación, un total de 33 serán clase A2; 7 clase A1; e 3 clase C.

Os tempos de dispoñibilidade dos vehículos asignados ao contrato incluirán sempre o persoal necesario para ser operados en función da súa categoría e a prescrición facultativa.

As ambulancias A1 e C deben ter un sistema de retención homologado e compatible coas incubadoras da área sanitaria Pontevedra-O Salnés para o traslado de pacientes pediátricos.

Xunto ao anterior, contarase con, polo menos, un vehículo especial para o traslado de pacientes obesos (padiolas que soporten hasta 350 kg) ou para discapacidades especiais, que se usarán en transporte habitual se non hai demanda de servizo destes pacientes especiais.

Horario e planificación das rutas

No que atinxe ás condicións particulares para a xestión do transporte sanitario programado, refórzanse determinados tramos horarios de alta demanda como venres e prefestivos para evitar esperas innecesarias aos pacientes que hai que trasladar aos seus domicilios. Así, o horario de cobertura deste servizo será principalmente entre as seguintes franxas:

•Luns a venres de 7:00 horas ata as 23:00. Sábados de 7:00 horas ata 22:00 e, no caso de radioterapia, poderán ter lugar traslados nocturnos.

Todos os servizos deberán realizarse no menor tempo posible, pola ruta máis adecuada e nas mellores condicións técnico-sanitarias e de confort para os pacientes. Para conseguir este obxectivo, a empresa adxudicataria deberá levar a cabo xuntanzas periódicas co servizo designado polo Sergas co fin de planificar as rutas máis idóneas.

As ditas rutas adaptaranse en función das localidades e domicilios dos pacientes e aos horarios de recollida, tratamentos e presenza dos enfermos nos centros sanitarios e a localización destes.

Cada unha das ambulancias notificará vía telemática, a tempo real, todos os cambios de estado e os tempos solicitados. A comunicación dos pacientes trasladados realizarase mediante un sistema de lectura da tarxeta sanitaria, no suposto de que non poida utilizarse este sistema, os datos do paciente deberán de ser mecanizados igualmente.

Como norma xeral, a recollida en domicilio realizarase cunha antelación non superior a 90 minutos á que estea programada a asistencia no centro de destino e con chegada ao centro sanitario non superior a 30 minutos antes da programación da actividade. 

A agrupación de pacientes en cada un dos itinerarios realizarase de maneira que eviten demoras innecesarias e esperas prolongadas tanto na recollida como no destino, así como longos recorridos que obriguen aos pacientes a unha permanencia excesiva na ambulancia de transporte.

O servizo realizarase accedendo ao domicilio do paciente desde o lugar máis idóneo e utilizando a porta dos centros asistenciais que determine a área sanitaria, garantindo a mobilización más áxil e segura dos enfermos, a pé de cama se for necesario.  

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Consellería de Sanidad - Servicio Gallego de Salud