​OS SERVIZOS DE ANXIOLOXÍA E CIRURXÍA VASCULAR DO SERGAS REXISTRAN A MENOR DEMORA DO SISTEMA NACIONAL DE SAÚDE
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
18 04 2024
 

Os servizos de Anxioloxía e Cirurxía vascular do Sergas rexistran a menor demora do conxunto do Sistema Nacional de Saúde, ao contar cunha media de agarda de só 51 días para acceder a unha intervención desta especialidade.

Na mesma liña, e segundo os últimos datos publicados polo Ministerio de Sanidade, a peche de decembro de 2023, os datos de espera media por especialidades, posicionan tamén os servizos de Cirurxía Plástica do Sergas como os segundos con menor demora de España, con 74 días de media, e soamente por detrás da Comunidade de Madrid (60 días).

O sistema sanitario público galego conta ademais cos terceiros mellores tempos de espera nas especialidades de Cirurxía Xeral e Dixestivo (61 días); de Otorrinolaringoloxía (75 días); e de Traumatoloxía (74 días).

Intervencións e procesos seleccionados

Xunto com estes tempos medios, cómpre destacar os datos acadados polo Servizo Galego de Saúde no que atinxe á porcentaxe de pacientes que deben agardar máis de seis meses para acceder a unha operación. 

Neste senso, é salientable que Galicia non conte con ningún caso de espera de máis de 6 meses na especialidade de Anxioloxía e Cirurxía vascular; que dispoña do mellor dato nacional en canto a Otorrinolaringoloxía (1’2%); ou que rexistre a terceira mellor porcentaxe nas especialidades de Cirurxía Plástica (co 4’1%); Traumatoloxía (6’3%) e Cirurxía xeral e Dixestivo (1’4% dos pacientes).

Por último, e respecto dos procesos cirúrxicos seleccionados, Galicia é a comunidade autónoma cos segundos mellores tempos medios de espera nas intervencións de varices en membros inferiores (53 días) e en Artroscopia (83 días); e a terceira menor demora nas operacións de hernia inguinal/crural (con 61 días de media).

Galicia, terceiros mellores datos de España

A nivel global, Galicia posicionase unha vez máis como unha das comunidades autónomas con mellores datos no que atinxe ás listas de espera para cirurxías, ocupando o terceiro lugar do conxunto de sistemas sanitarios autonómicos. 

Así, os tempos medios de agarda no Servizo Galego de Saúde sitúanse en 67 días de media, 61 menos dos que rexistra a media nacional, e que se fixa nos 128 días.

Estes datos son o resultado do traballo realizado polos profesionais do Servizo Galego de Saúde. Así, a Xunta agradece o esforzo realizado cada día polos equipos de profesionais de quirófano dos centros hospitalarios galegos.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Consellería de Sanidad - Servicio Gallego de Salud