O CONSELLEIRO DE SANIDADE FIXA COMO UN DOS RETOS DO SEU DEPARTAMENTO CONSEGUIR UN USO RESPONSABLE E EFICIENTE DA INTELIXENCIA ARTIFICIAL EN BENEFICIO DO PACIENTE
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
19 04 2024

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, interveu hoxe na apertura do XXXIX Seminario de profesores universitarios de Radioloxía e Medicina Física, sobre Intelixencia artificial: aplicacións e impacto en docencia e investigación, acto no que estivo acompañado polo Reitor da Universidade da Coruña, Ricardo Cao. Neste foro, o titular da carteira sanitaria do Executivo galego dixo que as organizacións sanitarias levamos tempo analizando os riscos e beneficios da intelixencia artificial. 

Especialmente no campo do diagnóstico por imaxe, o conselleiro dixo que xa existen solucións de intelixencia artificial que están a permitir mellorar os diagnósticos, facilitando a toma de decisións clínicas. O noso reto actual, -proseguiu o conselleiro-, é conseguir un uso sistémico, responsable e eficiente da intelixencia artificial en beneficio claro do paciente.

Ao respecto, Caamaño incidiu en que Sanidade traballa en varias liñas estratéxicas que reforcen eses obxectivos. Entre esas iniciativas, citou a elaboración, por parte da Xunta, da Lei para o desenvolvemento e impulso da intelixencia artificial. No ámbito específico da sanidade, esta iniciativa foi acompañada, -dixo o conselleiro-, da recente creación do Consello técnico asesor en intelixencia artificial e espazo de datos do sistema público de saúde de Galicia, destinado ao asesoramento dos órganos da Consellería de Sanidade e do Sergas no deseño e na proposta das políticas nesta materia.

Aposta clara

Para rematar a súa intervención, o máximo responsable do Sergas remarcou que a aposta do seu departamento polo uso intensivo da intelixencia artificial é clara, e os grandes proxectos do seu departamento reflicten importantes investimentos en sistemas de apoio aos profesionais e cidadáns, entre os que citou a nova historia clínica electrónica, o proxecto Xenoma Galicia, a dixitalización da anatomía patolóxica, o diagnóstico en rede, a telemonitorización de pacientes ou as canles de relación coa cidadanía.

Tamén concluíu resaltando que a intelixencia artificial é un apoio para os nosos profesionais sanitarios, que terán sempre a última decisión na práctica clínica.  

 
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Consellería de Sanidad - Servicio Gallego de Salud