A AXENCIA DE DOAZÓN DE ÓRGANOS E SANGUE ALCANZA AS 594 DOAZÓNS NA SEGUNDA CAMPAÑA ANUAL DAS SÚAS UNIDADES MÓBILES A STELLANTIS VIGO
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
26 04 2024

A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) acadou, na segunda campaña de doazón que se desenvolveu este ano nas instalacións de Stellantis Vigo, unha participación de 594 doantes. Ao longo dos días 23, 24 e 25 de abril, achegáronse a doar un total de 648 traballadores e traballadoras da empresa viguesa, dos cales un 91,6% puideron facer efectiva a súa doazón. Sendo de destacar que, 39 das 594 doazóns recollidas, pertencían a persoas que doaban sangue por primeira vez.

No que resta do presente ano, ADOS ten proxectado efectuar dúas campañas máis en Stellantis Vigo e pon en valor a contribución deste centro vigués, que suma 75.513 doazóns dende o 1995, ano no que comezaron as colectas de sangue nesta significativa factoría galega. ADOS amosa o seu máis sincero agradecemento a Stellantis Vigo, un dos principais centros industriais do tecido produtivo galego que, dende sempre, deu mostras do seu compromiso co solidario xesto da doazón.

Traxectoria solidaria

Hai 29 anos que o centro de Vigo do Grupo Stellantis comezou a acoller campañas de doazón de sangue promovidas desde a Consellería de Sanidade e que, actualmente, consolidan a esta compañía como un referente no ámbito estatal, sendo a empresa española con maior número de doazóns.

Resaltar que grazas á colaboración dos profesionais da factoría viguesa que doaron sangue nesta segunda campaña anual promovida por ADOS, poderán realizarse 297 intervencións cirúrxicas ou transfundir plaquetas a preto de 118 enfermos oncolóxicos.

Sensibilización e colaboración

ADOS pon en valor a implicación e compromiso de Stellantis Vigo co desenvolvemento das campañas de doazón de sangue, pois unha iniciativa desta magnitude require dunha gran coordinación e implicación de cada un dos departamentos que conforman a factoría viguesa, circunstancia que reflicte, unha vez máis, a xenerosa colaboración brindada por esta compañía a prol do solidario xesto da doazón de sangue. 

Así mesmo, a Axencia de Doazón de Órganos e Sangue agradece o seu compromiso e colaboración á dirección do Grupo Stellantis de Vigo e de todos os departamentos que integran a empresa, facendo extensivo este agradecemento, como non podía ser doutro xeito, a todos os traballadores e traballadoras que doan sangue.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Consellería de Sanidad - Servicio Gallego de Salud