A CONSELLERÍA DE SANIDADE COMPROMETE ESCOITA, DIÁLOGO E COOPERACIÓN PARA IMPULSAR A EXCELENCIA NO SISTEMA SANITARIO GALEGO
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
02 05 2024

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, presidiu esta mañá o acto de presentación do novo equipo directivo do seu departamento comprometendo “escoita, diálogo e cooperación” para impulsar “a excelencia” no sistema sanitario galego.

No acto, ao que asistiron responsables das distintas áreas sanitarias, da Universidade de Santiago de Compostela, dos colexios profesionais e de asociacións de pacientes, ademais de persoal da Consellería de Sanidade, o conselleiro presentou aos novos altos cargos incorporados ao departamento:  José Ramón Parada Jorgal, xerente do Servizo Galego de Saúde; Alfredo Silva Tojo, director xeral de Asistencia Sanitaria; Amparo Pousada Soliño, directora xeral de Recursos Económicos; e María del Mar Pousa Cobas, directora xeral de Recursos Humanos. 

Gómez Caamaño avanzou que esta nova etapa estará marcada por unha transformación do modelo organizativo coa pretensión de gañar en axilidade, coordinación e eficiencia na xestión, de xeito que se dispoña de máis tempo e recursos para dedicalos a protexer a saúde dos galegos.

Aos novos integrantes do seu equipo, o máximo responsable do Sergas pediulles “que dean o mellor de si para afrontar os retos que se presentan e para manter o nivel de excelencia que merece o sistema de saúde galego, e coa man tendida para manter e mellorar permanentemente unha asistencia sanitaria de calidade, unha docencia de alto nivel e o liderado que nos caracteriza en tantos ámbitos”.

“Galicia ten unha gran sanidade pública e debemos estar orgullosos por ter un sistema sanitario que é referente en vacinación ou na detección precoz do cancro, co cribado neonatal máis completo de España e con proxectos de investigación tan potentes como Xenoma Galicia”, afirmou o conselleiro, que apostou por redobrar esforzos para seguir mellorando.

Caamaño dixo ter claros os obxectivos e os pasos a procurar para acadalos, apuntando que a Estratexia Galega de Saúde 2030 é o documento clave para guiar as políticas sanitarias públicas en Galicia nos vindeiros anos. “Ditas políticas pivotarán sobre dous elementos principais, os pacientes e os que coidan aos pacientes, dous colectivos tan amplos como diversos”, engadiu.

O conselleiro dixo que Sanidade está a traballar duro para mellorar as condicións laborais dos seus profesionais “e para superar ese gran reto que supón cubrir as crecentes necesidades de persoal, con especial dedicación ao ámbito da atención primaria”. 

Tamén puxo en valor que a Xunta está a impulsar a maior renovación e ampliación vivida nas infraestruturas sanitarias galegas, actuando tanto en hospitais como en centros de saúde, e xestionando o maior orzamento da historia da autonomía dedicado á sanidade.

Na súa intervención, o conselleiro recoñeceu o labor das persoas que formaron parte do equipo directivo da Consellería e que se entregaron ás súas funcións con gran dedicación en momentos, ademais, moi difíciles para a xestión sanitaria.

Para concluír as súas palabras, o titular da carteira sanitaria sinalou que “os novos directivos da Consellería de Sanidade e do Sergas están a disposición de todas e todos os galegos e, por suposto, á disposición de todos os colectivos de pacientes, profesionais e docentes”.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Consellería de Sanidad - Servicio Gallego de Salud