A XUNTA INVESTIRÁ MÁIS DE 1,8 MILLÓNS DE EUROS NA ADQUISICIÓN E POSTA EN MARCHA DUN NOVO EQUIPAMENTO DE RESONANCIA MAGNÉTICA PARA O HOSPITAL DE CONXO
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
06 05 2024

O Consello da Xunta coñeceu hoxe un informe da Consellería de Sanidade relativo á renovación dun equipamento de resonancia magnética con destino ao Hospital Médico-cirúrxico de Conxo. A actuación de adquisición do equipamento e acondicionamento do espazo necesario suporá, no seu conxunto, un investimento da Xunta de 1.859.470 euros.

En concreto, o novo equipamento será licitado por importe de 1.476.200 euros, ao que hai que engadirlle unha partida de 383.270 euros, necesaria para executar as obras precisas para a súa instalación.

Con este expediente, a Xunta continúa a avanzar no plan de renovación e modernización do equipamento nos centros sanitarios co obxectivo de optimizar a calidade asistencial que o Servizo Galego de Saúde lle ofrece á poboación galega.

A nova resonancia magnética realizará todo tipo de exploracións rutineiras aos pacientes Área Sanitaria de Santiago e Barbanza, malia que se centrará fundamentalmente no diagnóstico e seguimento oncolóxico e nas exploracións vinculadas ao músculo esquelético.

O equipamento está situado dentro da banda tecnolóxica avanzada, ao contar cunha intensidade de campo de 1,5 teslas e dotado coas ferramentas máis avanzadas baseadas en intelixencia artificial-, para acadar uns estudos e unhas imaxes con maior rapidez e resolución.

Estímase que o número de estudos anuais que se poderán facer con este novo equipamento superará a cifra das 5.000 ao ano ou, dito doutro xeito, posibilitará incrementar o número de probas anuais nun 20%, en comparación co equipamento que posúe actualmente o hospital de Conxo.

Como paso previo á instalación do equipamento será preciso realizar unha obra de acondicionamento na sala de resonancia magnética do Servizo de Radiodiagnóstico do centro hospitalario. Ese espazo está situado no andar -1 do Hospital Médico-Cirúrxico de Conxo e conta cunha superficie total de 155,13 m².

A actuación que se vai realizar, polo tanto, implicará a adaptación do espazo existente na actualidade, para dar resposta ás prescricións técnicas recollidas no proxecto técnico.

A previsión é que o novo equipamento estea instalado no hospital antes de que remate o ano.​ 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Consellería de Sanidad - Servicio Gallego de Salud