A CONSELLERÍA DE SANIDADE COMPROMETE DIÁLOGO E TRABALLO PARA MELLORAR AS CONDICIÓNS LABORAIS DO PERSOAL DO SERVIZO GALEGO DE SAÚDE
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
08 05 2024
 

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, mantivo esta tarde un encontro con representantes das organizacións sindicais que forman parte da Mesa Sectorial de Sanidade: CIG, CSIF, CCOO e UGT. No encontro, que tivo lugar no Edificio Administrativo de San Lázaro, o conselleiro comprometeu diálogo e traballo para mellorar as condicións laborais do persoal do Servizo Galego de Saúde. 

Neste primeiro encontro cos representantes sindicais, Antonio Gómez Caamaño estivo acompañado pola directora xeral de Planificación e Reforma Sanitaria, Sofía López Linares, o xerente do Servizo Galego de Saúde, José Ramón Parada Jorgal, o director xeral de Asistencia Sanitaria, Alfredo Silva Tojo, e a directora xeral de Recursos Humanos, Mar Pousa Cobas.

Por parte das representacións sindicais, participaron no encontro, Manuel González Moreira, secretario xe CIG Saúde; Carlos Castro Rivas, presidente autonómico do CSIF; Javier González Castro, secretario xeral de CCOO; e Javier Martínez Fente, secretario de Sanidade de UGT, entre outros representantes das organizacións.

Na xuntanza, o titular da carteira sanitaria do Executivo galego trasladou que a prioridade da Consellería de Sanidade para esta nova etapa  é situar no centro do sistema aos pacientes e aos que coidan aos pacientes, un obxectivo que supón prestar moita atención aos 43.000 profesionais da sanidade pública galega.

A ese respecto, Gómez Caamaño informou da vontade de impulsar un completo plan de recursos humanos que permita programar e dimensionar con rigor as necesidades presentes e futuras do sistema sanitario público e que será obxecto de diálogo na mesa sectorial.


EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Consellería de Sanidad - Servicio Gallego de Salud