​A AXENCIA DE DOAZÓN DE ÓRGANOS E SANGUE PROMOVE UNHA CAMPAÑA ESPECIAL EN COLABORACIÓN COA SD MONTERROSO
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
14 05 2024
 

A Axencia de Doazón de Órganos e  Sangue (ADOS) e a SD Monterroso promoven o solidario xesto da doazón de sangue cunha campaña especial incluída no programa “Máis que Deporte”. O antedito programa, promovido polo club lucense, quere influír á sociedade galega, desde o mundo do fútbol, sobre distintos aspectos, neste caso, sobre a importancia do solidario xesto da doazón de sangue.

Para favorecer a participación dos afeccionados e afeccionadas da SD Monterroso, o equipo está distribuíndo información sobre a doazón de sangue e agasallará a todas as persoas que ao longo da xornada de mañá, mércores 15 de maio, acudan a doar ata a unidade móbil da Axencia estacionada ao carón do Concello, con entradas para asistir ao encontro que este equipo disputará o vindeiro domingo 19 de maio coa UD Xove Lago.

A dirección de ADOS destaca a importancia da colaboración de colectivos e institucións de todos os ámbitos para lograr unha conciencia solidaria proclive á doazón como, neste caso, está a impulsar a SD Monterroso, xa que poden unir os valores positivos do ámbito deportivo á nosa mensaxe e transmitila con maior proximidade por ter un amplo calado social.

Obxectivo de sensibilización

A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue quere agradecer sinceramente a todos os membros da SD Monterroso (directiva, corpo técnico, xogadores...) a súa especial sensibilidade en torno a doazón de sangue, así como o seu decidido compromiso, desde hai anos, para impulsar este xesto solidario neste municipio lucense

Esta campaña quere aumentar a sensibilización social a prol da doazón de sangue e incrementar a participación da veciñanza do Concello de Monterroso, no que se recolleron 66 doazóns no pasado 2023. Agardamos que co apoio de todos os veciños e veciñas e coa colaboración da SD Monterroso, superemos a cifra de doazóns obtida no pasado exercicio. 

Doar é moi sinxelo e seguro

Pode doar sangue calquera persoa maior de idade, que pese máis de 50 quilos e que non padeza nin teña padecido enfermidades transmisibles polo sangue. A doazón de sangue é un acto sinxelo que permite a moitas persoas solucionar o seu problema de saúde e mesmo salvar vidas. Ademais, sinalar que sempre están presentes as máis rigorosas medidas de seguridade.

Para máis información, ADOS dispón do sitio web: ados.sergas.gal, as redes sociais, e o teléfono gratuíto de información 900 100 828, para resolver calquera dúbida relacionada coa doazón de sangue ou coñecer a data dos desprazamentos das unidades móbiles. 



EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Consellería de Sanidad - Servicio Gallego de Salud