O CONSELLEIRO DE SANIDADE DESTACA A VANTAXE DE GALICIA NO IMPULSO DA MEDICINA PERSONALIZADA GRAZAS AO PROXECTO XENOMA E Á ESTRATEXIA DE ONCOLOXÍA DE PRECISIÓN
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
14 05 2024

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, destaca a vantaxe de Galicia no impulso da medicina personalizada grazas ao proxecto Xenoma Galicia e á Estratexia de Oncoloxía de precisión.

O titular de Sanidade clausurou este mediodía a xornada Conectando a saúde do futuro: xenómica e medicina de precisión en España, presente e futuro, que se celebrou no Hostal dos Reis Católicos.

Na súa intervención, Gómez Caamaño resaltou a oportunidade de contar entre os relatores da xornada co doutor Ángel Carracedo, director da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica. “Da súa man –sinalou-, este ano a Xunta porá en marcha un dos proxectos máis ambiciosos que se teñen impulsado: o Proxecto Xenoma Galicia, co que Galicia será pioneira”. 

O titular de Sanidade lembrou que a Xunta inviste este ano 20 millóns de euros para recompilar o ADN de 400.000 persoas en Galicia de 35 a 65 anos para identificar variantes xenéticas de alto risco e poder así detectar enfermidades antes de que aparezan, diagnosticar de forma precoz e ofrecer tratamentos farmacolóxicos individualizados.

O obxectivo, explicou, é acadar unha medicina personalizada por medio da combinación dos avances en medicina xenómica coa transformación dixital, a intelixencia artificial e o Big data. 

Neste sentido, Galicia está á vangarda nas tecnoloxías da información e na xestión dos datos grazas á implantación de IANUS, a historia clínica electrónica única para todo o sistema público de saúde.

Nesta liña, a Xunta conta xa cunha Estratexia de Oncoloxía de precisión que comezará a materializarse a través do decreto de creación do Comité molecular de tumores de Galicia no que a Consellería de Sanidade está a traballar actualmente.

Gómez Caamaño avogou por “incorporar os avances que a ciencia e a tecnoloxía poñen ao noso alcance de forma racional, con sentidiño, e, sobre todo, de modo proveitoso para os pacientes”.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Consellería de Sanidad - Servicio Gallego de Salud