GÓMEZ CAAMAÑO INCIDE NA NECESIDADE DE IMPULSAR UNHA SANIDADE PÚBLICA DE CALIDADE ADAPTADA Á REALIDADE XEOGRÁFICA E SOCIAL DE GALICIA
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
21 05 2024


O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, incidiu hoxe na necesidade de seguir a traballar por unha sanidade pública de calidade adaptada á realidade xeográfica e social de Galicia, cunha poboación envellecida e dispersa que vai necesitar de coidados especiais. 

No salón de actos do Hospital Lucus Augusti, e acompañado do delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias; do xerente do Servizo Galego de Saúde, José Ramón Parada; do director xeral de Asistencia Sanitaria, Alfredo Silva; e do xerente, Ramón Ares, o conselleiro reuniuse cos profesionais da área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos,  aos que lles detallou os principios reitores que rexerán a acción da Consellería “co obxectivo de acadar un sistema sanitario público forte e resolutivo”. 

En primeiro lugar, o conselleiro remarcou que “Galicia conta cun sistema sanitario de moi alto nivel”, que en moitos aspectos é un modelo para outros servizos de saúde, como é no que atinxe ás políticas de vacinación ou nas estratexias de loita contra o cancro. Non obstante, o titular da carteira sanitaria “avoga por un cambio na maneira de traballar” para protexer, preservar e optimizar o sistema sanitario e, a tal efecto, a súa principal ferramenta de traballo vai ser o diálogo, co obxecto de progresar e avanzar.

Neste marco de colaboración, Gómez Caamaño cre necesario un debate real a tres bandas entre a Administración, profesionais sanitarios e poboación “para definir realmente o tipo de sanidade que queremos para o futuro”.

Incidiu, ademais,  na importancia de eliminar a burocracia no traballo dos médicos para centrar a atención no paciente. 

Tamén puxo en valor o papel que xogan os profesionais sanitarios na educación sanitaria á poboación.

Continuidade asistencial

O conselleiro de Sanidade incidiu na necesidade de acadar unha sanidade pública baseada nunha interacción real e eficiente entre a atención primaria e a atención hospitalaria, para que a continuidade asistencial deixe de ser un concepto abstracto nos plans estratéxicos e pase a ser unha realidade que incida positivamente nos pacientes.

Gómez Caamaño avogou por unha sanidade pública de calidade orientada “aos resultados en saúde da poboación, que coide aos pacientes e tamén a aqueles que coidan aos doentes”.

O máximo responsable da carteira sanitaria puxo especial énfase na necesidade de prestixiar a figura de todos os profesionais do ámbito da saúde, comezando polos médicos de atención primaria, xa que son eles, dixo, “os máximos protectores da saúde da cidadanía”. 

Outros dos obxectivos sinalados polo conselleiro para esta lexislatura é responder con axilidade aos retos que ten a sanidade, como é a integración dunha maneira racional da innovación tecnolóxica, a farmacolóxica, a intelixencia artificial e a medicina de precisión.



 


EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Consellería de Sanidad - Servicio Gallego de Salud