O CONSELLEIRO DE SANIDADE PRESENTA AO NOVO DIRECTOR DA FUNDACIÓN PÚBLICA URXENCIAS SANITARIAS DE GALICIA 061, ROMÁN GÓMEZ
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
22 05 2024

 

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, presentou esta mañá ao novo director da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia 061, o doutor Román Gómez Vázquez, que conta cunha ampla traxectoria profesional desenvolvida neste organismo. 

O titular de Sanidade da Xunta pediulle ao novo director o mesmo nivel de esixencia, traballo e implicación que vén guiando o labor deste organismo, ata agora con Adriana Regueira á fronte, a quen lle deu as grazas polo seu compromiso e dedicación ao longo dos preto de catro anos que exerceu esta responsabilidade.

Na visita desta mañá á central do 061 no concello pontevedrés da Estrada, o conselleiro de Sanidade estivo acompañado polo delegado territorial da Xunta, Agustín  Reguera Ocampo; polo xerente do Servizo Galego de Saúde, José Ramón Parada Jorgal; polo xerente da Axencia Galega de Emerxencias, Marcos Araújo Pereira; ademais de polo novo director da fundación, Ramón Gómez; e da ata agora directora, Adriana Regueira. 

Gómez Caamaño resaltou que o 061 é un elemento estratéxico do sistema sanitario público. Trátase, dixo, dun organismo que o pasado ano atendeu 1,15 millóns de chamadas que derivaron en case medio millón de asistencias sanitarias urxentes. Nesas asistencias, en preto do 70% foi necesario mobilizar ambulancias e helicópteros co correspondente desprazamento urxente de persoal sanitario.

A Xunta, a través da Consellería de Sanidade está a impulsar un incremento de equipamentos e aumentando a capacidade de resposta e levándoa cada vez máis lonxe. 

Entre as melloras que se van levar a cabo, o conselleiro destacou que Lalín vai ser base dunha ambulancia de Soporte Vital Avanzado de Enfermería, “abrindo un camiño para mellorar a atención en poboacións semiurbanas, con poboación dispersa e distancia cara ao centro hospitalario de referencia, esencial en Galicia”.

Así mesmo, puxo en valor á rede de case 2.900 desfibriladores e de máis de 550 voluntarios do programa Acude e Axuda, que cada día contribúen a salvar vidas. 

O conselleiro tamén incidiu na importancia de potenciar a atención urxente dos pacientes vulnerables, como os crónicos, os rapaces con asma e con patoloxía mental, así como os pacientes con sensibilidade química múltiple.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Consellería de Sanidad - Servicio Gallego de Salud