​O 061 MELLORARÁ A ASISTENCIA Á PARADA CARDIORRESPIRATORIA COA INTEGRACIÓN DO REXISTRO ARIADNA E AS INDICACIÓNS PARA A REALIZACIÓN DE REANIMACIÓN CARDIOPULMONAR GUIADA
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
27 05 2024
 

O director xeral de Asistencia Sanitaria, Alfredo Silva Tojo, clausurou esta mañá, no salón de actos da Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP), a XVI Xornada sobre a Urxencia e a Emerxencia dedicada á xestión integral da parada cardíaca, no Día Mundial das Emerxencias. 

Silva Tojo salientou que a incorporación do sistema de rexistro Ariadna para a localización de desfibriladores externos semiatomáticos (DESA) fóra do ámbito sanitario, así como a xeolocalización de voluntarios, no Rexistro DESA de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, mellorará a asistencia á parada cardiorrespiratoria (PCR) na Comunidade galega.

Ariadna é un mapa colaborativo que inclúe a localización de desfibriladores e a xeolocalización dos voluntarios máis próximos que poden utilizalo. Así, desde a Central de Coordinación de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 poderá chamarse por teléfono, directamente, a estes voluntarios para que apliquen o DESA á maior brevidade. 

RCP guiada desde a Central de Coordinación do 061

Ao mesmo tempo, desde a Central de Coordinación do 061, os médicos e enfermeiros indicarán a reanimación cardiopulmonar (RCP) guiada, é dicir, apoiarán aos primeiros intervenientes con indicacións de reanimación cardiopulmonar en tempo real ata a chegada dos equipos asistenciais de soporte vital avanzado. Medidas, que amosan cientificamente o aumento da supervivencia.

Todo isto optimizará os tempos de resposta e as posibilidades de supervivencia notablemente. Así, está previsto que a integración do rexistro Ariadna se produza nas próximas semanas.

Ademais, o director xeral de Asistencia Sanitaria subliñou a importancia da realización das manobras de soporte vital básico de maneira temperá, dado que a supervivencia redúcese, nun 10% por minuto, desde que se produce a parada cardiorrespiratoria. 

A XVI Xornada sobre a Urxencia e a Emerxencia foi inaugurada polo presidente de Semes Galicia, José Manuel Fandiño Orgeira; e polo director da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061, Román Gómez Vázquez. Ao acto tamén asistiu o director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva Álvarez.

A xornada estivo estruturada en torno a dúas mesas redondas nas que se abordaron a Atención á PCR desde o minuto 0 e a Actualización e novidades na atención á PCR.

Atención á PCR desde o minuto 0

Na primeira destas mesas redondas, o doutor Ignacio Fernández Lozano, xefe de sección de Arritmias do Hospital Universitario Puerta de Hierro Mahadahonda, e presidente da Sociedade Española de Cardioloxía, fixo un percorrido polas estratexias de recoñecemento precoz da Parada Cardiorrespiratoria (PCR) e pola importancia do proxecto Ariadna para mellorar a supervivencia e as posibles secuelas.

Pola súa banda, Óscar Vázquez Gómez, enfermeiro da Central de Coordinación do 061 de Galicia, baseou a súa intervención na identificación da PCR nos centros de emerxencia e na realización de reanimación cardiopulmonar telefónica guiada desde a Central de Coordinación do 061 galego.

O doutor Manuel Ángel de la Cal Ramírez, coordinador de Procesos Asistenciais do Centro de Emerxencias Sanitarias 061 de Andalucía, comentou a importancia da realización da desfibrilación externa fóra do ámbito sanitario e da existencia de espazos cardioprotexidos. 

Para rematar, o médico asistencial do 061 de Galicia, Pedro Dacal Pérez expuxo os resultados sobre a atención á PCR extrahospitalaria en Galicia e do Rexistro Out od Hospital Cardiac Arrest (Ohscar).

Actualización e novidades na atención á PCR

Na segunda mesa redonda, o técnico en emerxencias sanitarias, Jesús Rey Ferreiro, subliñou a importancia da realización das manobras de soporte vital básico precoz e de calidade en todas aquelas persoas que sufran unha parada cardiorrespiratoria.​

A doutora Laura Sayagues Moreira, especialista en Medicina Intensiva no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela, presentou as novas tendencias no manexo da reanimación cardiopumonar, na xestión da vía aérea, na realización da desfibrilación externa secuencial dobre e no síndrome posparada cardíaca.

Pola súa banda, o coordinador UME de Valladolid, do Servizo de Emerxencias de Castela e León, Dr. Santiago Otero de la Torre, presentou as utilidades da analítica sanguínea no tratamento da PCR.

Para rematar, a Dra. Leonor Estévez Álvarez, xefa da base medicalizada do 061 de Galicia en Vigo,  falou sobre as técnicas que resultan invasivas no tratamento da parada cardiorrespiratoria e como mellorar a supervivencia destes pacientes.​

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Consellería de Sanidad - Servicio Gallego de Salud