​CAAMAÑO DESTACA QUE VACINAS COMO A ADMINISTRADA FRONTE AO VRS CUNHA EFECTIVIDADE DO 82% FAN QUE GALICIA CONTE CO CALENDARIO DE INMUNIZACIÓN UNIVERSAL E GRATUÍTO MÁIS COMPLETO DO MUNDO
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
29 05 2024
 

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, destacou esta mañá no Parlamento de Galicia a calidade do calendario de inmunización ao longo de toda vida do sistema sanitario público galego, que fai que a nosa comunidade conte co programa de vacinación, universal e gratuíto, máis completo do mundo.

Durante a súa intervención en resposta a unha pregunta parlamentaria, o titular de Sanidade lembrou as últimas novidades que incorporou a Xunta, tanto no calendario vacinal para adultos, como é o caso da nova vacina 20-valente para facer fronte ao pneumococo ou a do herpes zóster; como no calendario de vacinación infantil, coas vacinas da meninxite B, o rotavirus, o virus do papiloma humano, a gripe ou a inmunización contra o virus respiratorio sincitial (VRS), cuxa efectividade acada o 82%.

Segundo explicou Caamaño, para implementar estas ampliacións no programa galego de vacinación, a Xunta duplicou desde o ano 2020 o investimento destinado a protexer a saúde da poboación, consignando na actualidade unha partida económica que se achega aos 40 millóns de euros.

Galicia, pioneira na vacinación do VRS

O conselleiro de Sanidade incidiu en que o calendario de inmunización do sistema sanitario público galego debe ser motivo de orgullo para o conxunto da poboación pois, neste ámbito, Galicia é xa un referente “non só a escala estatal, senón tamén a nivel internacional”.

A sanidade pública galega situouse á vangarda mundial no eido da vacinación, ao ser pioneira na incorporación do anticorpo monoclonal que combate ao virus respiratorio sincitial, unha inmunización que conseguiu reducir nun 90% o número de ingresos esperados.

Nesta liña, salientou que o programa de vacinación galego constitúe unha das liñas de traballo de máis longa na historia da Dirección Xeral de Saúde Pública, existindo un amplo consenso sobre a súa efectividade e seguridade.

“Somos conscientes de que a mellor cura é a anticipación”, subliñou Gómez Caamaño, ao tempo que avanzou que o departamento que dirixe continuará a traballar e a avaliar novas vacinas, para manter a Galicia na posición de prestixio e vangarda que ocupa na actualidade.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Consellería de Sanidad - Servicio Gallego de Salud