A XUNTA AVALÍA A POSIBILIDADE DE QUE FACULTATIVOS CON SEGUNDA RESIDENCIA NO BARBANZA POIDAN TRABALLAR NO VERÁN NOS CENTROS DE SAÚDE DA ZONA
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
29 05 2024

A Xunta está a avaliar a posibilidade de que facultativos con segunda residencia no Barbanza poidan traballar no verán nos centros de saúde da zona. O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, informou hoxe, en resposta a unha pregunta parlamentaria, sobre a atención sanitaria no centro de saúde de Ribeira e as medidas previstas para incrementar a cobertura das prazas de médicos.

Gómez Caamaño incidiu en que, ante a falta de médicos, fundamentalmente nas especialidades de medicina familiar e comunitaria e pediatría, unha problemática que afecta a toda España, a Xunta está a buscar solucións imaxinativas e resolutivas. 

Apuntou a posibilidade de que facultativos externos acudan puntualmente a realizar xornadas de consultas, ademais de, en diálogo coas xerencias das áreas sanitarias,  deseñar plans que permitan cubrir a asistencia aos pacientes ante este falta de profesionais.

Remarcou que a atención urxente de todos os pacientes que acoden por enfermidade ao centro de saúde de Ribeira está garantida, aplicando todas as ferramentas de clasificación de doentes dos que dispón para iso o Servizo Galego de Saúde. Lembrou, ademais, que o centro de saúde conta coa colaboración e presenza de todo o persoal de enfermería, que fai un labor moi importante no seguimento dos pacientes crónicos e na atención dos agudos.

Gómez Caamaño incidiu en que, unha das prioridades que ten o seu departamento, é a mellora da atención primaria, facendo que as prazas de médico de familia ou de pediatra deste nivel asistencial sexan realmente atractivas. Tamén lembrou que a Xunta destina  cada vez máis recursos ao persoal de atención primaria, investindo, na actualidade, un 37% máis do que o facía o Goberno bipartito, e contando con 700 efectivos máis  ca entón.

Na súa intervención, o conselleiro demandou solucións urxentes ao Ministerio de Sanidade para cubrir a falta de profesionais sanitarios, un asunto de orixe estatal, posto que o problema vén motivado polo atraso no inicio da formación de xeración MIR no ano 2020, con motivo da pandemia. Sinalou que o Goberno de España, como responsable desa planificación, debe afrontar o problema coas comunidades e dar solucións, posto que a poboación necesita médicos no verán.

Apuntou que a Xunta segue a traballar para tratar de paliar esta situación, con medidas pioneiras como foi a aprobación dunha lei de medidas extraordinarias para cubrir postos considerados de difícil cobertura.

En concreto, no centro de saúde de Ribeira, hai tempo que o Executivo galego está a traballar para paliar o déficit de profesionais, creando no 2020 unha nova praza de facultativo en horario de mañá e solicitando no 2022 a reconversión de dúas prazas de médico de familia a facultativo especialista en primaria, que se cubriron con dous profesionais. 

Ademais, no PAC aumentouse o pasado ano a presenza de médicos e enfermeiras nas quendas de tarde de luns a venres. Todas estas medidas amosan o compromiso da Xunta para garantir unha asistencia de calidade neste concello, incidiu Caamaño.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Consellería de Sanidad - Servicio Gallego de Salud