​O CENTRO DE SAÚDE DE MARÍN PROMOCIONA A CALIDADE DE VIDA CON INICIATIVAS DE FOMENTO DE HÁBITOS SAUDABLES
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
19 06 2024

O Centro de Saúde de Marín traballa por ser referente na promoción da calidade de vida, con iniciativas centradas na prevención e no fomento de hábitos de vida saudables. Así quedou patente nun evento celebrado hoxe no salón de actos do museo municipal Manuel Torres desta localidade, na que un equipo multiudisciplinar explicou diversas iniciativas de promoción da saúde, as ferramentas que levaron a cabo no último ano para acadala e cales son os plans futuros para seguir implantándoa na sociedade marinense.

A este acto asistiron a alcaldesa de Marín, María Ramallo, a directora de Atención Primaria da Área Sanitaria, Itziar Melendo, a subdirectora médica de Atención Primaria, Dolores Pan, a subdirectora de Enfermería de Atención Primaria, Silvia Amoedo e a xefa de servizo do Centro de Saúde de Marín, Teresa Gómez, encargada de expoñer xunto co resto de profesionais do centro implicadas -matronas, fisioterapeutas e traballadoras sociais- as accións de promoción sanitaria.

Durante a xornada celebrada hoxe no salón de actos do museo municipal Manuel Torres quedou patente o compromiso dos profesionais do centro de Atención Primaria marinense que, segundo sinalou a súa xefa de servizo, Teresa Gómez «promovemos iniciativas coma estas, para que entendamos que a nosa saúde non só é valiosa cando enfermamos, senón tamén cando estamos ben, inculcándonos bos hábitos de vida”.

Nese mesmo sentido pronunciouse a directora de Atención Primaria da Área Sanitaria de Pontevedra- O Salnés, Itziar Melendo, quen asegurou que estes obxectivos só se conseguen conformando equipos multidisciplinares como é o caso do centro de saúde de Marín.

Relevancia dos Plans Locais de Saúde

Do traballo interdisciplinar dos profesionais de Atención Primaria xorden os Plans Locais de Saúde, unha potente ferramenta para ter unha foto fixa de cales son as principais enfermidades que caracterizan a cada municipio e que esbozan ideas e iniciativas para tratar de indidir sobre a súa prevalencia.

No caso de Marín, tal e como explicou a xefa de servizo durante a súa exposición, “no 2022, as enfermidades crónicas máis prevalentes na vila, por orden de máis a menos, son a hipertensión, a obesidade, a depresión, a diabetes, o cáncer…”. En moitas delas, o estilo e os hábitos de vida saudables teñen un impacto importante, entre outros factores, e telos en conta pode axudar a que “esas enfermidades diminúan ou tarden moito máis en debutar”.

Neste senso, a xefa de servizo do Centro de Saúde de Marín, Teresa Gómez explicou que algúns dos factores de cambio que experimentou a sociedade no último século, coma o aumento da esperanza de vida ou o envellecemento poboacional, “obrígannos a ter un enfoque diferente para promocionar a saúde máis aló da curación de enfermidades”.

Entre algunhas das estratexias para acadalo, destacan a creación de contornas e espazos urbanos que favorezan a saúde, a alfabetización sanitaria -para ensinar aos pacientes determinados termos e conceptos clave- e o traballo intersectorial.

Para as profesionais do centro de saúde marinense esa é unha parte clave, “porque para poder seguir desenvolvendo ese Plan Local de Saúde que nos detecta as fortalezas e as debilidades, precisamos de todas as mans: as dos pacientes, as das administracións, as das asociacións de todo tipo, as dos centros educativos e residenciais”.

Creación de mesas intersectoriais

Ese é o obxectivo de cara ao vindeiro curso, tal e como adiantaron as matronas, fisioterapeutas e traballadoras sociais do centro de saúde marinense: “avogar pola creación de mesas intersectoriais para poder dar ferramentas a cada parte da poboación que lles sexan útiles”. Segundo as profesionais da Área Sanitaria, non aparecen os mesmos problemas nas persoas que superan os 65 anos que na mocidade, na que, por exemplo, se nota un aumento na contracción de enfermidades de transmisión sexual.

Ademais, porán en marcha dúas accións: a Axenda 5X5, baseada en atacar os 5 factores de risco -alimentación non saudable, inactividade física, consumo de tabaco, alcol e outras drogas, e contaminación do aire- causantes das 5 patoloxías máis prevalentes -enfermidade cardiovascular, cáncer, enfermidade respiratoria-.




EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Consellería de Sanidad - Servicio Gallego de Salud