A XUNTA AUTORIZA A LICITACIÓN DAS OBRAS DO NOVO CENTRO DE SAÚDE DE VILAGARCÍA DE AROUSA, QUE SUPORÁ UN INVESTIMENTO DE MÁIS DE 19 M€
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
24 06 2024

O Consello da Xunta de Galicia deu hoxe o seu visto e prace á contratación das obras do novo centro de saúde de Vilagarcía de Arousa.

A actuación, cuxa licitación autorizou hoxe o Goberno galego, suporá un investimento de máis de 19 millóns de euros. 

A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas prevé licitar de xeito inmediato a contratación desta actuación, seguindo a encomenda da Consellería de Sanidade, co obxectivo de iniciala neste mesmo ano. As obras terá unha duración de 24 meses.

A autorización hoxe da licitación das obras corresponde coa construción do novo centro de saúde, que disporá dunha superficie construída de máis de 8.300 metros cadrados, formúlase con forma de dobre U xerando dúas prazas abertas cara á cidade e cara aos vías a que dá fronte, avenida da Mariña e rúa Elpidio Villaverde. Estas prazas, convenientemente orientadas e resgardadas, serven de zona de espera protexida e de antesala ao centro de saúde e do PAC, respectivamente.

Nos espazos das prazas sitúanse elementos de vexetación autóctona, cuxa disposición acondiciona os percorridos tanto peonís como rodados, de xeito que tanto o conxunto do edificio coma os espazos xerados arredor unan a zona do porto coa cidade. 

A edificación contará cun peche lixeiro con celosías que filtran a luz e preservan a privacidade de cara ao exterior. Pola contra, as zonas de espera e áreas comúns do edificio acondiciónanse con espazos vidrados con control solar e madeira vista no interior, que confiren ao edificio un carácter máis amable e para os usuarios. No semisoto disponse parte das instalacións ás que se accede por unha rampla na parte traseira. 

Os terreos dispoñibles para a construción do novo centro de saúde sitúanse na avenida da Mariña -terreos portuarios da antiga comandancia- e foron postos á disposición da Administración autonómica grazas a un protocolo asinado entre a Xunta de Galicia, o Concello e Autoridade Portuaria. 

As obras contan co financiamento do programa europeo Feder Galicia 21-27.

Ampliación de consultas

O plan funcional establecido para o novo centro de saúde de Vilagarcía de Arousa prevé chegar ás 17 consultas de medicina xeral (3 máis que no actual centro de San Roque), outras 17 consultas de enfermaría (4 máis) e 5 tanto de pediatría como de enfermaría pediátrica (1 e 2 máis, respectivamente). 

As instalacións contarán tamén con 2 consultas (unha máis en cada área) de farmacia, traballo social, matrona, odontoloxía, hixienista dental ou fisioterapia.

Ademais, o centro terá 5 consultas de docencia en lugar dunha como na actualidade, e incorporaranse áreas como a sala de illamento, a consulta do programa da muller, a sala pediátrica integral, as cabinas de tratamento e os vestiarios do ximnasio de fisioterapia ou as consultas médicas e de enfermaría, para que poidan acudir especialistas do hospital. 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Consellería de Sanidad - Servicio Gallego de Salud