A XUNTA GARANTE A CALIDADE, A EFICIENCIA E A SEGURIDADE ASISTENCIAL EN GALICIA CO NOVO PLAN DE INSPECCIÓN DOS SERVIZOS SANITARIOS 2024-2027
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
09 07 2024
 

O Diario Oficial de Galicia (DOG)​ publica na súa edición de hoxe a orde pola que se aproba o Plan de Inspección dos servizos sanitarios para o período 2024-2027.

Deste xeito, a Subdirección Xeral de Inspección de Servizos Sanitarios garantirá os dereitos dos pacientes e usuarios atendidos no sistema sanitario galego, incidindo nos criterios de eficiencia, calidade e seguridade asistencial.

Entre outras medidas, a Subdirección Xeral de Inspección de Servizos Sanitarios velará polo control e supervisión das prestacións e actividades sanitarias, ademais de realizar unha avaliación constante dos centros, servizos e establecementos sanitarios da nosa comunidade.

O novo plan da Consellería de Sanidade establece entre os seus aspectos prioritarios a tutela dos dereitos sanitarios dos pacientes, prestando especial atención á tramitación de reclamacións e suxestións presentadas pola cidadanía en relación coa asistencia sanitaria recibida e ás condicións de funcionamento dos centros.

Así mesmo, recolle a realización de auditorías de xestión dos establecementos sanitarios privados e concertados co Servizo Galego de Saúde e tamén porá o foco naqueles procesos de inspección destinados á avaliación das incapacidades temporais.

O novo Plan de Inspección dos servizos sanitarios da Xunta incorpora novidades como: a avaliación da xestión do transporte sanitario, a revisión do cumprimento dos requisitos técnico-sanitarios de centros de medicina estética, centros de reprodución humana asistida e actividades realizadas coa utilización de células e tecidos, e, no ámbito dos medicamentos e produtos sanitarios, o control dos requisitos para a preparación e entrega de medicamentos en sistemas personalizados de dosificación. 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Consellería de Sanidad - Servicio Gallego de Salud