Almuiña sinala que a atención ao paciente con demencia precisa dunha abordaxe multidisciplinar
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Sistema de lectura automática del Sergas Lectura automática
» Axuda
.
24 09 2018

“A atención ao paciente con demencia é complexa e precisa dunha abordaxe multidisciplinar posto que require do apoio de tres piares fundamentais como son a familia, os servizos sanitarios e os servizos sociais”. Así o destacou o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, nunha xornada sobre envellecemento e demencias neurodexenerativas que tivo lugar, a primeira hora de hoxe, no Consello Económico e Social de Galicia, e na que tamén participaron a presidenta do Consello Económico e Social, Corina Porro Martínez, e o presidente da Federación Alzheimer Galicia (Fagal), Juan Carlos Rodríguez Bernárdez.

Tal e como detallou Almuiña, a demencia xera unha serie de necesidades que precisan dunha rede de recursos sociais e sanitarios, con profesionais expertos, “para o que é preciso traballar moi coordinados e de xeito interdisciplinar” entre médicos, persoal de enfermería, traballadores sociais, celadores, fisioterapeutas, etc. Todos van intervir e teñen que traballar conxuntamente “para proporcionar os recursos adaptados ás necesidades que demandan”, -remarcou-.
 

 

Os recursos sanitarios e sociais poden incluír consultas específicas de referencia para demencias, unidades de diagnóstico e tratamento, servizos ambulatorios, centros de día, centros de atención nocturna, recursos residenciais e outros tales como teleasistencia ou equipos sociais de soporte domiciliario.

 

Na súa intervención, Almuiña lembrou a importancia de deseñar estratexias de prevención baseadas no estilo de vida, e en intervencións non farmacolóxicas encamiñadas a potenciar a capacidade cognitiva e funcional das persoas afectadas. Así,  destacou que Sanidade está a potenciar os proxectos de intervención comunitaria “para que dende os centros de saúde haxa máis interacción coa comunidade”. Froito desta aposta dotouse en cada unha das sete áreas sanitarias de, polo menos, dous enfermeiros especialistas en enfermería familiar e comunitaria da primeira promoción de enfermeiro interno residente, para potenciar esa interacción coa comunidade.
 

 

Tamén destacou que Sanidade implementou a tarxeta sanitaria doble AA, de xeito que cando un paciente con demencia chegue ao centro de saúde ou hospital teña a menor demora posible na espera para seren atendido.

 

O conselleiro dixo que, en vindeiras datas, o seu departamento dará a coñecer a Estratexia galega para a atención a persoas en situación de cronicidade, que inclúe dúas innovacións na atención, a figura do profesional ou equipo de referencia do paciente crónico e o plan individualizado de atención integral.
 
Coordinación entre niveis
Segundo o responsable do Sergas, os niveis asistenciais son diferentes modalidades de atención sanitaria “que permiten unha atención integral e integrada para cubrir as necesidades de saúde das persoas que a precisan”.
 

 

Almuiña remarcou que “a función dos equipos de atención primaria é fundamental ao longo de todo o proceso da demencia, pola súa accesibilidade, proximidade e o contacto  cos pacientes e familias, que son quen detectan precozmente os casos de deterioro cognitivo. Manteñen unha comunicación fluída e bidireccional coa familia e co hospital e aseguran a coordinación entre niveis e a continuidade asistencial”, -incidiu-.

 

O titular da carteira sanitaria sinalou que en Galicia o médico de atención primaria pode solicitar, logo de valorar ao paciente, unha e-interconsulta co servizo de neuroloxía, xa que se comparte a historia clínica, así como as probas complementarias realizadas. Esta consulta faise sen necesidade de que estea presente o paciente e, no caso de que o neurólogo indique visita presencial, xa se recolle na resposta dada polo facultativo.
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Consellería de Sanidad - Servicio Gallego de Salud
Internet y tú | Contacte
rss