LA INFANCIA, LA CLÍNICA, EL GÉNERO, LA GEOGRAFÍA DE LA ENFERMEDAD, LA CIENCIA E LA CREATIVIDAD, EN LA IV REUNIÓN GALLEGA DE SALUD MENTAL, EN FERROL
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Sistema de lectura automática del Sergas Lectura automática
» Axuda
.
16 11 2018

Co título Contrastes, aglutínase o encontro de profesionais de diversos ámbitos relacionados coa saúde mental que abordan hoxe temas relacionados coa Infancia, como o Trastorno de Déficit de Atención e Hiperactividade; a Clínica, como o o duelo na psicose; o Xénero, como os malestares das mulleres; a Xeografía da enfermidade, cunha experiencia prospectiva da saúde mental; a Ciencia, cun achegamento á neurociencia; ou a Creatividade, introducindo o Mindfulness no ámbito da psicoterapia. “Trátanse estes temas de xeito contrastado, con dúas interaccións de cada un destes bloques temáticos, nunha cidade, sede do Congreso tamén chea de contrastes”, explica María José Ramil Fraga, psicóloga Clínica de Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol, e membro do Comité de Organizador destas IV Xornadas da Asociación Galega de Saúde Mental e a Asociación Española de Neuropsiquiatría, que se celebran hoxe, no salón de actos do Hospital Naval do Complexo Universitario
 

Nos Comités Científico e Organizador, xa se reflicte a multidisciplinariedade deste encontro, con achegas da psiquiatría, psicoloxía clínica, enfermeiras de saúde mental, técnicas de coidados auxiliares de Enfermaría, terapia ocupacional e do traballo social; “é unha xuntanza anual que comprende as distintas áreas de participación, para debater temas de actualidade, e pór de relevo cuestións implicadas directa ou indirectamente coa saúde mental, como alternativas terapéuticas e temas novedosos”, subliña a presidenta do Comité Organizador. Os pacientes tamén participan xa que son protagonistas dunha das intervencións Duelo en Psicose, e son autores da imaxe pictórica, tamén simbólica de contrastes, que ilustra o cartel das xornadas, con debuxos realizados no Hospital de Día do Complexo Hospitalario, e cun premio en material artístico cedido pola Xerencia.
 

TDAH e duelo en Psicose
Comeza o encontro cunha referencia ó traballo en rede en saúde mental Infanto Xuvenil; neste senso, recordar que a unidade de Saúde Mental Infanto Xuvenil vén de incorporarse este ano á sanidade pública, potenciouse así a atención á Saúde Mental dos máis novos creando un dispositivo específico dirixido á atención ambulatoria de pacientes menores de 16 anos que presenten un trastorno mental, especialmente aquelas patoloxías caracterizadas pola complexidade da sintomatoloxía. No encontro de hoxe, dedican un espazo tamén ó Trastorno de Déficit de Atención e Hiperactividade (TDAH), cunha abordaxe dende o punto de vista analítico, xa que é un tema frecuente e que moitas veces se diagnostica xa dende a escola.
 

A área sanitaria ferrolá participa activamente cun vídeo realizado a pacientes no que se aborda o Duelo en Psicose, no que se lles pregunta como viven a enfermidade, e sobre a súa adaptación á mesma. As psicoses son todas aquelas enfermidades nas que os pacientes teñen unha perda do sentido da súa propia identidade e soen ir acompañadas de delirios, alucinacións ou desorganización. O duelo nesta enfermidade enténdese como unha perda, xa que despois dun abrocho, por exemplo, a vida cambia; e, para iniciar a recuperación, hai que facer cambios nos estilos de vida. Os testemuños dos pacientes neste senso son un xeito novedoso de participación activa dos mesmos neste foro científico.
 

A Mesa de xénero aborda os malestares propios de cada xénero e conta coa participación dunha psicóloga militar, que aborda as dificultades propias da muller, xa que “sendo distintos -explica a presidenta da Comité de Organizador- tamén temos patoloxías e formas de enfrontarnos a elas ben distintas”. Seguindo co tema da psicose, por exemplo, “a muller é máis autónoma e normaliza máis esa psicose”, describe.
 

Unha conferencia sobre a historia da saúde mental e cara onde se dirixe tamén é eixe das sesións da mañá. Resintonizando neuronas, novas ferramentas de neuromodulación na saúde mental e os Contrastes a ciencia: achegas da ciencia da Ocupación ós desafíos contemporáneos en saúde mental son os eixes da mesa da Ciencia. Por último, novamente a área sanitaria ferrolá é protagonista na mesa da Creatividade, na que se aborda a aplicación do Midfulness no ámbito da psicoterapia como nova forma de abordaxe. Tamén se trae a experiencia de Asturias con persoas sen fogar con trastorno mental severo.

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Consellería de Sanidad - Servicio Gallego de Salud
Internet y tú | Contacte
rss