Almuiña urxe ao ministerio a eliminación da taxa de reposición e unha convocatoria extraordinaria MIR en medicina familiar e comunitaria para paliar a falta de especialistas sanitarios
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Sistema de lectura automática del Sergas Lectura automática
» Axuda
.
23 01 2019

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, reiterou hoxe en Madrid, a necesidade de que o Ministerio de Sanidad adopte con urxencia as medidas de carácter extraordinario para afrontar a carencia de especialistas sanitarios no conxunto do Sistema Nacional de Saúde. Neste senso, o titular da carteira sanitaria galega, considera prioritario e imprescindible que o  Goberno central proceda a unha convocatoria extraordinaria MIR na especialidade de medicina familiar e comunitaria e á eliminación da taxa de reposición de efectivos nas OPE.

Segundo trasladou o conselleiro hoxe, no transcurso da súa intervención no pleno da Comisión de Recursos Humanos do SNS, ás medidas xa adoptadas en Galicia, e noutros servizos de saúde nacionais, “fan falta actuacións adicionais no conxunto do SNS, e dentro desas estimamos imprescindible una oferta extraordinaria para medicina familiar e comunitaria, inmediatamente despois da actual convocatoria”. Esta actuación permitiría, a xuízo de Almuiña, dispoñer destes especialistas dentro de catro anos, período no que se espera unha maior carencia destes profesionais pola concesión de prórrogas na idade de xubilación en moitos dos servizos de saúde. Tamén paliaría a brecha existente entre graduados en medicina e prazas MIR ofertadas.
 
A segunda das medidas extraordinarias, a eliminación da taxa de reposición de efectivos nas OPEs permitirá, segundo indicou Almuiña, que poidan ser ofertadas por cada Comunidade Autónoma, todas as prazas que as necesidades asistenciais así o xustifiquen, “ou polo menos, que esta taxa de reposición se elimine nas categorías hoxe consideradas deficitarias como a de medicina familiar e comunitaria ou a de pediatría”, dixo o conselleiro.
 
Incentivar a retención de especialistas
O conselleiro tamén reiterou ao Ministerio a necesidade de adoptar medidas a curto prazo, ás que xa se comprometera anteriormente, como é a modificación do Real Decreto 1146/2006, de 6 de outubro, polo que se regula a relación laboral especial de residencia en Ciencias da Saúde, para incentivar a retención de especialistas en prazas de difícil cobertura ou en especialidades deficitarias e impulsar unha norma que flexibilice e axilice o procedemento de acreditación das unidades docentes para a formación sanitaria especializada, de xeito que permita aumentar as prazas de formación de especialidades.
 
Tamén reclamou ao pleno da Comisión de Recursos Humanos do SNS a necesidade de restablecer o modelo de formación sanitaria especializada; a redución dos prazos de tramitación e resolución dos expedientes de homologación de títulos de especialistas extracomunitarios e a posta en marcha dun Rexistro Estatal de Profesionais sanitarios, e realizar en base ao mesmo, un estudio de necesidades de especialistas.
 
Almuiña subliñou que en Galicia, e na maioría dos servizos de saúde do Estado,  adoptáronse todas as medidas posibles que as súas competencias o permiten para paliar o déficit de profesionais. “Agora correspóndelle ao Ministerio adoptar novas medidas tanto as xa comprometidas como as extraordinarias que solicitamos”, sentenciou.
 
Medidas adoptadas en Galicia
Cómpre lembrar que entre as medidas adoptadas a nivel competencial en Galicia destacan as OPEs anuais, esgotando a taxa máxima de reposición permitida polo Estado; a prórroga no servizo activo dos profesionais que así o desexen ata os 70 anos, o concurso de traslados aberto e permanente para atraer profesionais, así como os nomeamentos  temporais con maior estabilidade no tempo.
 
Outras das medidas postas en marcha na nosa comunidades é a incentivación das titorías para incrementar a capacidade docente das unidades de atención primaria; a mellora das condicións laborais como a reactivación da carreira profesional, con extensión ao persoal temporal, ou a exención da nacionalidade española para vincular mediante nomeamentos estatutarios aos médicos especialistas extracomunitarios, así como a participación na OPE nacional coordinada co Ministerio. 
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Consellería de Sanidad - Servicio Gallego de Salud
Internet y tú | Contacte
rss