O conselleiro de Sanidade apela á solidariedade dos cidadáns para aumentar as doazóns de sangue especialmente dos grupos A positivo e Cero negativo
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Sistema de lectura automática del Sergas Lectura automática
» Axuda
.
29 01 2019

​O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, doou sangue hoxe nos edificios administrativos da Xunta de Galicia en San Lázaro, acompañado pola directora da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS), Marisa López García.

O conselleiro apelou á xenerosidade e solidariedade dos cidadáns para que doen sangue, xa que este período do ano coincide cos picos de enfermidades coma a gripe, que diminúen a base de potenciais doadores de sangue e teñen diminuído as reservas dalgúns grupos sanguíneos.

Grupos sanguíneos
Almuiña salientou que, coma sempre, o chamamento é xeralizado á participación de todos os doadores e doadoras, pero, nestas semanas, estase a precisar un aumento de doazóns dos grupos A Positivo; o máis común entre a poboación galega, e do Cero Negativo; popularmente coñecido como doador universal.
 

O conselleiro lembrou que, ao longo da presente semana, as unidades móbiles de ADOS visitarán 40 concellos galegos para facilitar o acceso á doazón dos cidadáns, un  esforzo significativo ao que hai que engadir a posibilidade de participar nos sete locais permanentes de atención ao doador de sangue, existentes nas sete grandes cidades galegas.

Campañas informativas
A Consellería de Sanidade lembra que a Axencia de Doazón de Sangue e Órganos desenvolve campañas de sensibilización e información destinadas a promover os distintos xeitos de doazón, polo que convida aos cidadáns e ás empresas, institucións e colectivos procedentes de todos os ámbitos da sociedade galega a desenvolver iniciativas destinadas ao fomento dunha conciencia solidaria proclive á doazón de sangue.
 
Para iso, pon a disposición da cidadanía a súa web, ados.sergas.gal; o enderezo de correo electrónico, doadoressangue.ados@sergas.es; o teléfono de información gratuíto; 900 100 828; e as súas páxinas nas redes sociais como xeito de comunicarse con ADOS ou resolver calquera dúbida relacionada coa doazón.

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Consellería de Sanidad - Servicio Gallego de Salud
Internet y tú | Contacte
rss