O 99% das persoas que participaron na enquisa telemática de Sanidade considera prioritario mellorar a coordinación entre a atención primaria e a hospitalaria
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Sistema de lectura automática del Sergas Lectura automática
» Axuda
.
16 02 2019

​O 99,04% das persoas que realizaron a enquisa telemática posta en marcha pola Consellería de Sanidade de cara a reformular o novo modelo de atención primaria considera prioritario mellorar a coordinación entre a atención primaria e a atención hospitalaria. Desta porcentaxe, 3.801 persoas, o que representa o 83,56%, valora esta medida como totalmente prioritaria e o 15,48% como prioritaria, fronte a un 0,97% que non a considera nada prioritaria. Así o reflicten os datos da enquisa á poboación que a Administración sanitaria abría o pasado 19 de xaneiro a través da plataforma É-Saúde, co obxecto de que todas persoas interesadas aportasen a súas propostas e opinións de cara a reformular o novo modelo de atención primaria para os vindeiro anos.

Unha vez pechado o período de consultas, rexistráronse na devandita plataforma un total de 4.549 enquisas. Deste total, en 2.326 (o 51,13%) presentábase algunha proposta que podería contribuír á mellora da atención primaria no novo modelo no que está a traballar o departamento sanitario que dirixe Jesús Vázquez Almuiña.
 
Entre as achegas rexistradas destacan a solicitude dunha maior coordinación entre todos os profesionais de atención primaria á hora de prestar servizos; a potenciación da atención domiciliaria, poder coñecer quen é o interlocutor nos centros de saúde cando xurda algún problema ou que desde o centro de saúde se poida anular unha cita hospitalaria aínda cando non fose tramitada en atención primaria.
 
En base aos datos, o 48,19% dos enquisados valora ter acceso a un centro de saúde con maiores prestacións e probas diagnósticas, aínda que este se atope máis lonxe, fronte a un 45,57% que valora máis a proximidade ao seu centro de saúde.
 
A maioría dos participantes manifesta que a Enfermería dos centros de saúde debe ter un papel máis importante na atención sanitaria e valora como moi importante (73,86%) ou importante (23,08%) ter acceso a atención médica no seu domicilio cando sexa preciso.
 
Ademais, o 83% avoga por manter o actual modelo de acceso para consultas urxentes no centro de sáude no mesmo día sen cita previa, mentres que o 16,99% amósase en desacordo.
 
Finalmente, o 64% dos participantes (2.913 persoas) afirman estar satisfeitos coa atención recibida no seu centro de saúde; un 15,39% din estar moi satisfeitos e un 20.58%, totalmente insatisfeitos. Unha porcentaxe similar considera axeitado (50,58%) ou moi axeitado (21,87%) o tempo que lle dedicou o seu médico de cabeceira nas últimas citas, fronte a un 27,54% que o considera totalmente inaxeitado.
 
A meirande parte das persoas que participaron na enquisa telemática teñen entre 30 e 49 anos, sendo esta porcentaxe do 56,01%, e un 27,04% atópanse entre os 50 e os 65 anos.
 
Grupos de traballo
Neste proceso que está a levar a cabo a Consellería de Sanidade para abordar propostas a curto, medio e longo prazo, coas que afrontar o reto do envellecemento poboacional e a falta de profesionais especialistas aos que se enfronta o conxunto do Sistema Nacional de Saúde, constituíronse seis grupos de traballo integrados por profesionais de todas as categorías.

Sanidade avoga por adoptar decisións compartidas neste proceso de reformulación da atención primaria en Galicia, contando coa colaboración de representantes de todas as categorías das áreas sanitarias e persoal de xestión de servizos de atención primaria. Contou tamén con representantes do Consello Galego do Colexio de médicos, dos Colexios profesionais de enfermería, farmacia e fisioterapeutas e coas asociacións de médicos de familia, así como a asociación de enfermería especialista de atención primaria. Asemade participaron neste proceso membros do Consello Asesor de Sanidade, das asociacións científicas e do Consello Asesor de Pacientes.

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Consellería de Sanidad - Servicio Gallego de Salud
Internet y tú | Contacte
rss