O modelo de atención primaria aposta pola incorporación de profesionais en novas categorías e a definición de roles que respondan ao envellecemento e cronicidade
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Sistema de lectura automática del Sergas Lectura automática
» Axuda
.
12 03 2019
 O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, explicou hoxe no Parlamento de Galicia, o novo modelo de atención primaria. O envellecemento, a cronicidade e a complexidade dos pacientes fan “necesaria a incorporación de novos profesionais en diferentes categorías e a adopción de novos roles”, dixo. Neste senso, Almuiña destaca que “Galicia quere seguir na vangarda e decide dar un paso adiante e tomar medidas para evolucionar”.

 

O titular de sanidade salientou que neste momento é necesaria a adopción de medidas dirixidas a facer evolucionar este modelo “que deu excelentes resultados durante moito tempo, pero que necesita unha adaptación ás necesidades actuais”. Almuiña lembrou que a atención primaria é o servizo sanitario mellor valorado pola cidadanía en todos os barómetros sanitarios e destacou que segundo o último informe do Ministerio de Sanidade “nun 88,10% dos casos, as persoas que acudiron a un centro de atención primaria do Sergas manifestan unha valoración moi positiva na atención recibida”.
 
O novo modelo de atención primaria establece varias liñas estratéxicas de actuación para dar resposta a eses novos retos, como máis tempo para atender aos pacientes e diminuír a carga burocrática dos médicos. Así, unha das liñas estratéxicas do novo plan de atención primaria está dirixida á creación de equipos de atención primaria nos que se definan novos roles. Nesta liña, o novo plan recolle a creación dunha Dirección de Atención Primaria na estrutura do Sergas, a creación dunha Comisión de atención primaria da área presidida polo titular da xerencia, e nomear interlocutores e coordinadores de servizo.
 
O incremento do número de prazas nas categorías específicas de primaria é outra das actuacións dentro desta liña. Así na última OPE 2019 anunciáronse 200 prazas de medicina de familia, que sumadas ás ofertadas no 2018 permitirán convocar este verán unha OPE extraordinaria con 254 prazas para esta categoría e outras 93 para pediatría de primaria. Para diplomados sanitarios e de FP, a oferta de 2019 ascende a 567 prazas, entre as que se inclúen 20 profesionais coa especialidade de enfermería familiar e comunitaria e 8 coa especialidade de enfermería pediátrica.
 
O conselleiro remarcou que Sanidade potenciará novos roles dos profesionais como a posibilidade ao persoal de enfermería e farmacia de solicitar analíticas de pacientes crónicos. Así mesmo, os profesionais terán acceso ao catálogo de probas complementarias unificado, necesarias para a súa actividade. O farmacéutico de atención primaria tamén potenciará o seu papel conciliando a medicación dos pacientes e actualizando a prescrición de forma consensuada co médico de familia.
 
Orzamento específico
Almuiña tamén lembrou o compromiso de manter un orzamento específico para o programa de gasto atención primaria de saúde, diferenciado dentro da clasificación funcional do Organismo. En dito programa imputarase o gasto correspondente a aquelas actividades asistenciais e de xestión dos centros de atención primaria do Servizo Galego de Saúde para dar resposta ás necesidades dos cidadáns. O programa de Atención Primaria do orzamento contará con créditos orzamentarios en todos os capítulos.
 
O conselleiro de Sanidade lembrou que por primeira vez comprometeuse un orzamento exclusivo no capítulo VI para adquirir equipamento, mobiliario, dotación informática e facer pequenas reformas nos centros de saúde tal e como se anunciou co Plan de Necesidades, dotado con  17,3 millóns de euros para dous anos (2019 e 2010).
 
Máis accesibilidade e coordinación
A coordinación e comunicación entre primaria, hospitalaria e 061 é outra liña de actuación do novo plan de Atención Primaria. Isto permitirá unha comunicación máis fluída entre os profesionais do centro de saúde e do hospital.A realización de reunións periódicas entre profesionais destes niveis ou habilitar a prescrición electrónica de IANUS aos facultativos médicos do 061 para a xeración de receita electrónica na atención domiciliaria son algunhas das medidas neste ámbito.
 
A atención aos pacientes crónicos está no eixo de varias medidas, así terán un profesional sanitaria de referencia e farán o seguimento conxunto da súa patoloxía con outros profesionais. Tamén se potenciarán as visitas a domicilio parta estes pacientes e implantaranse ferramentas necesarias para o seguimento na casa. A extensión da plataforma tecnóloxica TELEA, de teleasistencia domiciliaria, en todos os postos clínicos é outras das medidas destacadas polo conselleiro de Sanidad, que avanzou que ao remate do ano estará dispoñible na totalidade dos centros de saúde.
 
Outra liña estratéxica está dirixida a atención á demanda, xestión da sobredemanda, domicilios e atención programada urxente. Entre as actuacións previstas está a estruturación das axendas para adaptarse á actividade real dos profesionais ou formalizar nomeamentos de estatutarios eventuais de continuidade que poidan dar unha maior estabilidade ao persoal substituto, facilitando a mellora das condicións de traballo e a continuidade asistencial ao mesmo tempo. Tamén está previsto realizar un estudo sobre a redistribución de cargas de traballo para reaxustar posteriormente as cotas en función das características sociodemográficas, etarias e a cronicidade.
    
A formación, docencia investigación e a relación cos pacientes e a comunidade, son outras dúas liñas estratéxicas de actuación. En relación á formación, entre outras actuacións se adaptará a axenda dos titores coa reserva dun tempo mensual específico en horario laboral para a xestión da actividade docente e tamén se reforzarán as funcións do responsable de docencia posgrao na área sanitaria para o persoal médico e de enfermería que actúe como coordinador entre a administración e os centros de saúde docentes, de cara a unificar criterios formativos.
 
Con respecto da relación cos pacientes, as actuacións que propón o novo plan de mellora recollen reunións periódicas da Comisión Interdepartamental de Coordinación de Atención Sociosanitaria de Galicia, realizar actuacións formativas co apoio da Escola galega de saúde para cidadáns, e fomentar o coñecemento das plataformas É-saúde, SHARE, Xente con vida, portal úlceras fóra e outras xa existentes. Sanidade ten previsto informar aos pacientes sobre os recursos comunitarios para controlar mellor a súa enfermidade. Tamén realizar campañas informativas dirixidas á cidadanía sobre o uso racional dos recursos sanitarios, que serán consensuadas cos profesionais antes da súa posta en marcha. 
         
Construír o novo modelo entre todos
O conselleiro de Sanidade tamén quixo reiterar que “queremos manter abertas todas as vías de diálogo porque aquí non sobra ninguén, entre todos temos que construír un novo modelo de atención primaria". Neste senso, destacou as reunións que está a manter coa FEGAMP, e outras reunións coas consellerías de Educación e de Política Social.

Almuiña, que agradeceu a colaboración de todos os profesionais e cidadáns que están a colaborar para mellorar o modelo de atención primaria, lembrou o traballo dos dez grupos de traballo nos que participaron máis de 100 profesionais. A reformulación do novo modelo de Atención Primaria para os 25 vindeiros anos recolle un total de 175 accións, definidas en seis liñas estratéxicas e 45 obxectivos concretos. Do total das accións, 75 defínense a curto; 53 a medio e 47 a longo prazo.

 

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Consellería de Sanidad - Servicio Gallego de Salud
Internet y tú | Contacte
rss