Sanidade deu resposta puntual a todas as demandas plantexadas polos xefes de servizo de Vigo con solucións e propostas concretas
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Sistema de lectura automática del Sergas Lectura automática
» Axuda
.
12 03 2019

A Consellería de Sanidade, despois das reunións mantidas cos xefes de Vigo, ten adoptado medidas concretas e propostas nas que se recollen as demandas dese colectivo co obxectivo común de impulsar un novo modelo de atención primaria que dé respostas ás necesidades dos vindeiros 25 anos. Nese sentido, a Administración lembra que as cuestións que hoxe volven plantexar foron xa incluídas no plan  dado a coñecer polo Sergas e confirmado hoxe polo propio conselleiro en sede parlamentaria. Por outra banda, a Consellería insiste en que mantén abertas todas as canles de diálogo para avanzar neste proxecto contando coa imprescindible colaboración dos profesionais. En resposta ás súas demandas concretáronse os seguintes compromisos:

1. Presuposto Atención Primaria
Compromiso para manter un orzamento específico para o programa de gasto en atención primaria de saúde, diferenciado dentro da clasificación funcional. En dito programa imputarase o gasto correspondente a aquelas actividades asistenciais e de xestión dos centros de atención primaria do Servizo Galego de Saúde para dar resposta ás necesidades dos cidadáns. O programa de Atención Primaria do orzamento contará con créditos orzamentarios en todos os capítulos.
 
Por primeira vez comprométese un orzamento exclusivo no capítulo VI para adquirir equipamento clínico, mobiliario, dotación informática e facer pequenas reformas nos centros de saúde tal e como se anunciou co Plan de Necesidades, dotado con  17,3 millóns de euros para dous anos (2019 e 2010).
 
2. Cambiar o organigrama da EOXI
O novo plan recolle a creación dunha Dirección de Atención Primaria na estrutura do Sergas, a creación dunha Comisión de atención primaria da área presidida polo titular da xerencia, da que formarán parte os xefes de servizo da área.
 
3. Diminuír a sobrecarga asistencial
Na última OPE 2019 anunciáronse 200 prazas de medicina de familia, que sumadas ás ofertadas no 2018 permitirán convocar este verán unha OPE extraordinaria con 254 prazas para esta categoría e outras 93 para pediatría de primaria. Para diplomados sanitarios e de FP, a oferta de 2019 ascende a 567 prazas, entre as que se inclúen 20 profesionais coa especialidade de enfermería familiar e comunitaria e 8 coa especialidade de enfermería pediátrica.
 
O 15 de xaneiro de 2019, a mesa sectorial, aprobou, co apoio das organizacións sindicais CESM-O´MEGA, UGT, CSIF e SATSE o nomeamento estatutario eventual de continuidade no ámbito do Servizo Galego de Saúde. Con este contrato os profesionais terán maior estabilidade laboral pois son contratos cunha duración mínima de 1 ano e máxima de 3, desfrutarán de igualdade de dereitos (vacacións, permisos, descansos, xornada...) e igualdade de retribucións, incluíndo o complemento de produtividade fixo e variable.
 
4. Convocatoria extraordinaria MIR
Plantexáronse reiteradas solicitudes ao Ministerio de Sanidade do incremento da oferta docente MIR ata chegar ás 105 ofertadas de Medicina Familiar e Comunitaria no ano 2018, e co obxectivo de acadar as 120 na próxima convocatoria. Precisamente o luns 4 de marzo no Pleno do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde o conselleiro volveu reiterar esta solicitude.
 
5.- Dar resposta aos PAC
A administración sanitaria lembra que ofertou nove das once medidas plantexadas polas organizacións sindicais recollendo a inmensa maioría das reivindicacións solicitadas.
 
6.- Plan de choque para Vigo
En relación co Plan de choque demandado para Vigo, a Consellería de Sanidade vén de facer público unha serie de medidas concretas para a área sanitaria viguesa, orientadas a incrementar a  accesibilidade á atención hospitalaria, tal e como viñan solicitando.
 
Estas propostas baséanse en tres piares:  o incremento no acceso a probas diagnósticas; os cambios na accesibilidade ás consultas externas hospitalarias; e a reorganización da atención urxente domiciliaria.
 
Así,  desde  mañá día 13 os médicos de atención primaria da área viguesa poderán comezar a solicitar directamente aos servizos hospitalarios a realización de máis probas diagnósticas para os seus pacientes, sen necesidade de derivalos ao especialista correspondente do hospital para que sexa este quen indique a devandita proba. Poderán solicitar as endoscopias dixestivas (gastroscopias e colonoscopias), de xeito que o 29 de abril este proxecto xa estea estendido a todos os centros da área. Ademais, a  partires do 1 de abril, tamén terán acceso directo a petición de TCs intracranial.
 
No referido ao aumento da accesibilidade ás consultas externas do hospital, estase deseñando un Plan de Comunicación entre os profesionais de primaria e hospitalaria para as consultas moi preferentes. Así, os facultativos dos centros de saúde disporán dun contacto telefónico directo con cada especialidade hospitalaria, para consultar dúbidas ou establecer a derivación preferente se fose preciso. Neste ámbito, vaise a establecer a demora máxima para e-interconsulta en 7 días, así como a a apertura de consulta presencial para aqueles que só teñen e-interconsulta.
 
Estas medidas -nalgunhas delas xa se viña traballando dado que están recollidas no Plan Estratéxico da área viguesa- danlle un pulo a unha das prioridades deste Plan, o da mellora da accesibilidade ao sistema sanitario. Hai que lembrar que a espera media para ser atendido en consultas externas dos hospitais vigueses vén experimentando unha diminución constante, cuantificada no último lustro en 27 días, o que fixo posible que a 31 de decembro do 2018 a demora media para ser atendido por un especialista do CHUVI fora de 50,49 días.
 
Outra das propostas máis innovadoras que se levarán a cabo, unha vez que os profesionais de Atención Primaria manifesten a súa conformidade con este proxecto, será a reorganización da atención urxente a domicilio. Para isto, procederase á “zonificación” do Concello de Vigo, de xeito que esta prestación sexa atendida polo persoal do centro de saúde máis próximo á ubicación do paciente no momento que solicita esa atención urxente, con independencia de que coincida ou non co seu centro de saúde habitual. 
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Consellería de Sanidad - Servicio Gallego de Salud
Internet y tú | Contacte
rss