NEFROLOGÍA DEL CHUF SE SUMA AL DÍA MUNDIAL DEL RIÑÓN, CENTRADO EN LA SALUD RENAL PARA CUALQUIER PERSONA EN CUALQUIER LUGAR
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Sistema de lectura automática del Sergas Lectura automática
» Axuda
.
14 03 2019

Nefroloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol e Xerencia Integrada de Ferrol súmanse ó Día Mundial do Ril, e colaboran coa Federación Alcer Galicia. Esta asociación situou esta mañá unha mesa informativa no corredor do Hospital Arquitecto Marcide do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol, e nela estiveron presentes o responsable da Xerencia, Ángel Facio Villanueva; e o de Nefroloxía do CHUF, Pablo Bouza Piñeiro; xunto co presidente de Alcer Coruña e da Federación Alcer Galicia, Rafael Rodríguez Martínez; e a traballadora social de Alcer Coruña, Ángela Breijo Durán.
Este ano, o lema é Saúde renal para calquera persoa en calquera lugar, e pretende concienciar sobre a crecente carga da enfermidade renal en todo o mundo e a necesidade de implementar estratexias de prevención e tratamento das enfermidades renais. Neste senso, dende Nefroloxía do Complexo fan referencia ós estudos que indican que, no ano 2040, a enfermidade renal crónica será a quinta causa de anos de vida perdidos, só detrás de enfermidades como a enfermidade coronaria, o ictus, as infeccións do tracto respiratorio baixo ou a enfermidade pulmonar obstrutiva crónica.
A insuficiencia renal é a alteración da función do ril limitando a capacidade de eliminación dos produtos tóxicos do organismo. Máis da metade das consultas por enfermidade renal  crónica teñen a súa orixe en enfermidades evitables como a diabetes e a hipertensión. Por todo o dito son tan importantes as medidas de prevención na poboación xeral e a detección precoz en persoas en idade avanzada, con hipertensión, diabetes ou pacientes con enfermidade cardiovascular en xeral.
Dende Nefroloxía do Complexo Universitario insistir en medidas xerais de prevención na poboación xeral: exercicio físico a tódalas idades e evitar o sobrepeso; dieta san, con restrición do consumo de sal e graxas saturadas; non fumar; e limitar o consumo do alcohol. A enfermidade renal ten un carácter progresivo e un desenvolvemento gradual que pasa por distintos estadios. O importante é previla ou, cando menos, detectala en fases iniciais para evitar o súa progresión.
Atención ó ril na Xerencia Integrada de Ferrol
A Atención ás enfermidades do ril recae en Nefroloxía da Xerencia Integrada de Ferrol que ten como misión a atención ós pacientes con patoloxía renal, tanto aguda como crónica, ó longo dos diferentes estadios evolutivos da enfermidade. Un total de cinco facultativos especialistas e dez profesionais de Enfermaría, entre diálise e consulta, ocúpanse do coidado dos pacientes, xunto co persoal de hospitalización, e contando igualmente co apoio dos profesionais dos centros de saúde en tódalas etapas da enfermidade. 
Nefroloxía abrangue a Hospitalización, as Consultas Externas, e a Unidade de Diálise. Esta Unidade ten capacidade para realizar tódalas diferentes terapias. Realízase Diálise domiciliaria e a hemodiálise de crónicos e de agudos. No caso da hemodiálise, existe no Complexo para a súa aplicación un sistema de tratamento con capacidade de producir auga ultrapura, totalmente libre de contaminación bacteriana. Cóntase tamén cunha nova máquina portátil para a hemodiálise domiciliaria que favorece a rehabilitación social e laboral do enfermo crónico, e, ademais, simplifica moito o tratamento.
Pola súa banda, nas consultas externas abórdase a Nefroloxía Xeral, e conta tamén con tres consultas monográficas, a de Enfermidades Glomerulares e Sistémicas, a de Enfermidades Renais Hereditarias e a de Enfermidade Renal Crónica Avanzada. As enfermidades glomerulares son un grupo de enfermidades do ril que afectan ao glomérulo, unha estrutura encargada de filtrar o sangue para producir a urina; diversas enfermidades poden facer que se perda esta barreira, eliminándose na urina proteínas e distintos tipos de células. Sen un correcto tratamento, estas enfermidades poden levar á insuficiencia renal en pouco tempo. Pola outra banda, diversas enfermidades sistémicas como son o lupus ou as vasculites poden afectar tamén ao ril e conducir a unha insuficiencia renal terminal sen un tratamento axeitado.
Na consulta de Enfermidades hereditarias abórdanse as enfermidade de ril cun compoñente xenético. O eido das enfermidades hereditarias é un dos campos da especialidade onde maiores progresos se acadaron nos últimos anos, facendo posible diagnósticos precisos en patoloxías nas que pouco  tempo atrás só se aproximaba o diagnóstico a través da clínica. O estudo xenético está a permitir o diagnóstico do paciente e familiares e prestar consello xenético. Os pacientes e as súas familias poden contar cunha asistencia especializada na atención de doenzas pouco frecuentes e de elevada complexidade. Finalmente, na consulta de Enfermidade Renal Crónica Avanzada séguense a máis de cen pacientes nos estadios máis evolucionados da enfermidade, cunha media de 77 anos e que moitos dos cales precisarán nun futuro realizar tratamento de substitución renal. Xunto con isto, o servizo foi o primeiro en Galicia en realizar Teleconsulta de Nefroloxía cos centros de saúde.

Na actualidade están incluídos no rexistro galego de enfermidades renais un total de 121 pacientes en hemodiálise; 20 en diálise peritoneal e 133 cun transplante funcionante da área sanitaria ferrolá. Na área sanitaria ferrolá, realizáronse un total de 3.631 consultas externas en Nefroloxía, durante o pasado ano 2018, das que 231 eran primeiras consultas. A maiores, os e as profesionais de Nefroloxía atenderon un total de 399 consultas a través da Telemedicina cos centros de saúde. Ademais, fixéronse un total de 3.425 sesións de hemodiálise tanto de agudos (856) como de crónicos (2.569).

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Consellería de Sanidad - Servicio Gallego de Salud
Internet y tú | Contacte
rss