Sanidade apela á solidariedade da cidadanía para aumentar as doazóns de sangue especialmente dos grupos A Positivo e Cero Positivo
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Sistema de lectura automática del Sergas Lectura automática
» Axuda
.
21 05 2019

​O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, achegouse hoxe pola mañá á unidade móbil da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue, emprazada nos edificios administrativos da Xunta de Galicia en San Lázaro, acompañado pola directora da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS), Marisa López García.

A Consellería de Sanidade apela á xenerosidade e solidariedade da cidadanía para que doen sangue, e aínda que, coma sempre, o chamamento é xeralizado á participación de todos os doadores e doadoras, nestas semanas, estase a precisar un aumento de doazóns dos grupos A Positivo e Cero Positivo. Estes dous grupos son os que presentan unha maior presenza na nosa Comunidade, xa que tres de cada catro galegos correspóndense cos grupos A Positivo ou Cero Positivo.
 
Ao longo da presente semana, as unidades móbiles de ADOS visitarán preto de 40 concellos galegos para facilitar o acceso á doazón da cidadanía, un esforzo significativo ao que hai que engadir a posibilidade de participar nos sete locais permanente de atención ao doador de sangue, existentes nas sete grandes cidades galegas.
 
Neste sentido, a Consellería de Sanidade lembra que ADOS atópase inmersa nun proceso de melloras infraestruturais para ofrecer a máxima calidade na atención aos doadores e doadoras, coa renovación dos seus distintos locais nas sete grandes cidades galegas, así como a renovación do seu parque móbil. Deste xeito, a pasada semana o Diario Oficial de Galicia publicou o concurso público para adquisición de dúas novas unidades móbiles, destinadas a facilitar o acceso dos cidadáns á doazón de sangue, cun orzamento de 599.918 euros, que se veñen sumar aos dous vehículos recentemente inaugurados e que están a prestar servizo nas bisbarras de Santiago e Pontevedra.
 
Campañas informativas
A Consellería de Sanidade lembra que a Axencia de Doazón de Sangue e Órganos desenvolve campañas de sensibilización e información destinadas a promover os distintos xeitos de doazón, polo que convida aos cidadáns e ás empresas, institucións e colectivos procedentes de todos os ámbitos da sociedade galega a desenvolver iniciativas destinadas ao fomento dunha conciencia solidaria proclive á doazón de sangue.
 
Para iso pon a disposición da cidadanía a súa web, ados.sergas.gal; o enderezo de correo electrónico, doadoressangue.ados@sergas.es; o teléfono de información gratuíto; 900 100 828; e as súas páxinas nas redes sociais como xeito de comunicarse con ADOS ou resolver calquera dúbida relacionada coa doazón. 
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Consellería de Sanidad - Servicio Gallego de Salud
Internet y tú | Contacte
rss