COÑECES A ESQUIZOFRENIA? PROFESIONAIS DE SAÚDE MENTAL AMOSAN NA SESIÓN CLÍNICA MENSUAL O SEU MODELO DE ATENCIÓN INTEGRAL
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Sistema de lectura automática do Sergas Lectura automática
» Axuda
.
31 05 2019

Coñeces a esquizofrenia? Modelo de atención integral na área sanitaria de Ferrol era o título da sesión clínica mensual que reunía a profesionais de toda a Xerencia Integrada de Ferrol que quixeran, onte no salón de actos do Hospital Arquitecto Marcide do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol. Esta sesión afondaba na esquizofrenia, nas aptitudes dos profesionais sanitarios ante doentes cun trastorno mental grave, e en como se estrutura a rede de saúde mental, concretamente a área de Rehabilitación Psicosocial. Falaron os facultativos especialistas en Psiquiatría, Daniel Núñez Arias, e Alberto Durán Rivas; e a profesional de enfermería especialista en Saúde Mental, Cristina García Pazos.
 

Estes profesionais entenden como fundamental que tódolos profesionais coñezan as claves do diagnóstico e tratamento ós pacientes con trastorno mental grave, como é a esquizofrenia, para comprender a necesidade da continuidade de coidados” pola que avogan, resumiron.
 

Que é a esquizofrenia
O especialista en Psiquiatría, Daniel Núñez, comezou a intervención afirmando que “estamos orgullosos de traballar nun servizo que aposta pola rehabilitación psicosocial do paciente con trastorno mental grave". Definiu a esquizofrenia como un trastorno mental caracterizado por una serie de síntomas, como delirios, alucinacións, perda de interese, e ánimo baixo, que interfiren de xeito notable no funcionamento diario do doente. Unha cuestión relevante é, que nos estadios iniciais da esquizofrenia, a persoa que o padece non é consciente de que as súas dificultades estean en relación cunha enfermidade, e polo tanto non adoita recurrir ó sistema sanitario en busca de axuda.
 

Os relatores da sesión entenden que é moi importante romper co “estigma” da esquizofrenia, xa que é frecuente relacionar a persoas que padecen esquizofrenia con violencia ou agresividade, e é todo o contrario. “Son persoas pouco frecuentadoras dos servizos sociosanitarios; pouco demandantes de atención sanitaria e para nada máis agresivos que a poboación xeral, así o amosan os estudos”, pola contra, “dánanse a si mesmos e entran en estados de angustia e perda de interese”. Por todo isto, se non acoden á consulta, só se detectan cando se produce unha alteración da conduta en relación co seu sufrimento. “En países sen unha sanidade pública, estas persoas acaban na rúa, e moitas ocasións non por falta de recursos, senón polo deterioro propio da enfermidade”, engadiron.
 

Neste senso, os especialistas en Saúde Mental aconsellaron ós compañeiros presentes doutras especialidades que “o paciente con esquizofrenia, non demanda atención, somos nós os que temos que axudalo”. E “temos que estar orgullosos nese senso, porque pacientes que estiveron hospitalizados máis de quince anos en centros de longa estancia, coa abordaxe actual na nosa área, a día de hoxe viven na súa cidade e no seu entorno”, remataba Daniel Núñez.
 

Recuperar a relación terapéutica
Pola súa banda, a enfermeira especialista en Saúde Mental, Cristina García, centrou a súa intervención en recordar as potencialidades básicas do persoal sanitario, sobre todo, a relación terapéutica co paciente, temos que “axudalo a funcionar mellor”. Recordou esas características fundamentais que hai que traballar e aplicar constantemente. Avogou fundamentalmente por “unha actitude aberta de escoita, que hai que ter con calquera paciente, pero cos enfermos mentais máis”. Incidiu na idea de que a persoa con trastorno mental grave ten unha enorme “falta de motivación, habilidades sociais, e desinterese pola súa saúde”, polo que hai que “traballar a escoita activa, a empatía, a asertividade, e manexar máis coidadosamente que nunca as ferramentas básicas da comunicación, como a linguaxe verbal e non verbal; ser proactivos na resolución de conflitos, e incidir na validación emocional.
 

“Cando a persoa se sinte parte dun equipo de saúde xorde a confianza, e reforzarse o vinculo terapéutico”, afirmou. Nos dispositivos de rehabilitación nos que o profesional se achega ó paciente e ó seu entorno e domicilio, ofrécese unha atención integral centrada realmente nel e en fortalecer a súa autoestima e autoeficacia, resumía Cristina García.
 

Continuidade de Coidados
Nesa liña, o especialista en Psiquiatría, Alberto Durán, destacou o importante cambio que se produciu neste ámbito, pasando dun “modelo hospitalocéntrico” a un “modelo comunitario”. Nunha rede de saúde mental comunitaria a Unidade de Saúde Mental adopta unha posición central, sendo os seus profesionais os garantes da continuidade de coidados dos pacientes con enfermidade mental grave. Na área sanitaria ferrolá, a atención estrutúrase basicamente nos dispositivos de Hospitalización, Psicoxeriatría, Atención a adiccións e a Área de Rehabilitación Psicosocial, á que dedicaron especial atención.
 

Dentro deste ámbito, cóntase co Hospital de Día Psiquiátrico, que a “é un punto forte desta área sanitaria xa que acoden tanto paciente crónicos como subagudos, evitándose de esta maneira moitos ingresos hospitalarios”. Xunto ó Hospital de Día, está tamén o Equipo de Tratamento Asertivo Comunitario (ETAC), para o seguimento domiciliario. “Esta área foi a primeira en Galicia, e a cuarta en España en traballar con esta metodoloxía, o seu lema é: se ti non vés, imos nós”. Súmase a estes dous dispositivos o Centro de Rehabilitación Psicosocial e Laboral para pacientes psicóticos crónicos con importante deterioro.
 

Alberto Durán destacou como elemento fundamental o traballo coordinado, xa que existe unha comisión que avalía tanto os pacientes como o traballo realizado. Este modelo de actuación implica que “antes un paciente entraba nun dispositivo asistencial illadamente e sen seguimento continuado e global; e, agora, un paciente con enfermidade grave é moi raro que non teña continuidade”. Nese senso, invitaron ós compañeiros á detección de persoas con esta patoloxía “que non escapen pacientes que debuten nos cinco primeiros anos da enfermidade, xa que o seguimento que se pode facer del será moito mellor”. Con este modelo comunitario os pacientes están mellor seguidos e se producen menos descompensacións.
 

Alberto Durán quixo obxectivar todo o explicado con datos. No ano 2012, producíanse 405 ingresos na Unidade de Agudos de Psiquiatría; no ano 2018, estes ingresos reducíronse a 240”. A importancia deste dato vén da man da redución maioritaria de reingresos de pacientes, xa que esta atención continuada permite manexar as descompensacións de forma ambulatoria sen separar ó paciente do entorno e evitando todo o que supón a hospitalización, tanto para el como para as súas familias. Iso amosa que “as cousas se fan ben, e que temos moita sorte de ter esta forma de traballar e uns compañeiros extraordinarios cos que poder comentar cousas, moitas veces de xeito directo, en favor dun paciente”.
 

Seguimento individual e precoz das psicoses
Recordar que esta forma de traballar foi nominada dúas veces ós premios nacionais Best in Class. Valorouse a organización xeral do Servizo centrada na asistencia achegada e continuada dos pacientes con esquizofrenia. Como explicaron na sesión de onte, o traballo de continuidade asistencial está centrado nas unidades de Saúde mental, no Hospital de Día Psiquiátrico e no ETAC (Equipo de Tratamento Asertivo Comunitario), que desenvolve programas de seguimento na comunidade de persoas que padecen un trastorno mental grave, como fundamentalmente a esquizofrenia ou o trastorno bipolar.
 

Para a nominación valorouse tamén esa humanización da Unidade de agudos, buscando aproximarse ó funcionamento das outras plantas hospitalarias, cunha zona de hospitalización aberta; e tamén dispositivos ambulatorios como o Centro Día, pisos protexidos e unidades residencias que manteñen ós trastornos mentais estabilizados clinicamente cun crecente nivel de integración social e familiar. Como se destacou tamén onte os pacientes emprazados nos ámbitos axeitados, estabilizados, e cunha maior integración social e familiar, ingresan menos polo seu proceso.

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss