Almuiña cifra nun 56% o aumento no número de doadores de órganos nos primeiros cinco meses do ano, e nun 20% o incremento nas intervencións cirúrxicas de transplantes
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Sistema de lectura automática do Sergas Lectura automática
» Axuda
.
05 06 2019

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, presidiu, xunto co secretario xeral da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Manuel Corredoira López, a entrega de premios aos gañadores do VI Concurso de Curtas para Escolares e do VI Concurso de Debuxo e Lemas para escolares, ambos relacionados coa doazón e os transplantes, que tivo lugar hoxe co gallo da conmemoración do Día Nacional do Doador.

Nesta data, o conselleiro de Sanidade quixo subliñar a excelente evolución do programa de transplantes e salientou que, no transcurso dos primeiros cinco meses do ano, Galicia experimentou un incremento do 56% no número de doazóns de órganos, converténdose na comunidade autónoma con maior aumento de doantes. Ademais. Almuiña cifrou nun 20% a porcentaxe de aumento do número de transplantes, un dato enormemente positivo se temos en conta que no ano 2018 batéronse en Galicia as cifras tanto de doazón de órganos como de transplante.
 
Traballo conxunto
O conselleiro de Sanidade quixo poñer en valor a especial sensibilidade dos máis novos a prol do solidario xesto da doazón e os transplantes de órganos, froito do traballo desenvolvido nos últimos anos en Galicia pola Coordinación Autonómica de Transplantes da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) e todos os membros da comunidade educativa galega.
 
O acto, celebrado hoxe no Museo Pedagóxico de Galicia, contou, ademais, coa presenza do director xeral de Asistencia Sanitaria, Jorge Aboal Viñas; da directora de ADOS, Marisa López García; José Luis Fernández Astray, director de comunicación de GADISA, empresa patrocinadora do certame de debuxo e lemas; e da responsable da Coordinación Autonómica de Transplantes, Encarnación Bouzas Caamaño.
 
Promoción educativa
O conselleiro de Sanidade salientou o especial esforzo que se está a facer desde a Coordinación Autonómica de Transplantes de ADOS por achegar información relativa á doazón e o transplante aos escolares galegos, desenvolvendo iniciativas como os concursos de curtametraxes e de debuxo e lemas, estando este último patrocinado por Supermercados GADIS, unha empresa referente no noso tecido empresarial e comercial.
 
Así mesmo, lembrou que, no transcurso do curso escolar 2018/2019, impartíronse 71 charlas informativas a máis de 3.700 escolares, que recibiron información sobre a doazón e o transplante.  Así mesmo, desenvolveuse o Plan Proxecta: Educando en Valores, que abrangueu a 342 escolares e 24 profesores. A este programa engádense as visitas guiadas ata as instalacións de ADOS nas que tomaron parte 23 centros de ensino secundario e universitario e no que participaron 567 estudantes.
 
Labor de concienciación
Neste punto, Almuíña agradeceu a todos os membros da comunidade educativa, especialmente docentes e centros escolares, o esforzo e interese amosado para crear unha conciencia proclive á doazón de órganos e felicitou aos participantes nos dous certames, a súa especial sensibilidade a prol deste xesto solidario. Tamén salientouse a importancia a colaboración do noso tecido industrial e empresarial que dá apoio a iniciativas de promoción e sensibilización a prol da doazón, como Supermercados GADIS, que colabora desde hai anos no desenvolvemento do concurso de debuxo e lemas, así como en distintas iniciativas vencelladas á doazón.
 
Así mesmo, o conselleiro de Sanidade quixo resaltar que todo o traballo en favor do fomento da doazón de órganos, do esforzo desenvolvido polo sistema público de saúde de Galicia e do compromiso cidadán, teñen permitido que, no pasado ano, Galicia acadase unha cifra récord con 354 transplantes. Neste sentido, Almuíña quixo poñer en valor o compromiso e xenerosidade dos doantes e das súas familias e destacou, que no pasado exercicio, tamén se acadou unha cifra de 116 doantes, a máis elevada desde a posta en funcionamento do programa de doazón e transplantes na nosa Comunidade.
 
Premiados
Nesta sexta edición de concurso de debuxo e lemas para escolares relacionado coa doazón e o transplante, acadou o primeiro premio o traballo “Está nas túas mans salvar vidas”, de Lucía Alonso Moure do IES Alexandre Bóveda (Vigo), e o segundo premio recaeu en “Ti podes facer maxia. Doa”, de Paula Piñeiro Abalde do IES Carlos Casares (Vigo).
 
Polo que atinxe ao VI Concurso de Curtametraxes para escolares relacionado coa doazón e os transplantes, o primeiro premio foi para o traballo “Segue latexando” de Daniel Fernández Filloy, Yoel González Penín, Raúl Carballeda Troncoso, Paula Trigás Nogueira e Mª Josefina Fidalgo Lamas, do IES nº1 de O Carballiño, mentres que o segundo premio foi para a curtametraxe “Mitos e Realidade” de Breixo Chan Piñeiro, Manuel Soutullo García, Nicolás Crespo Sanmartín, Ángel Peón Calvar e Javier Muíños Candeira, do IES Luis Seoane (Pontevedra).

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss