PRODUCÍRONSE DÚAS DOAZÓNS MULTIORGÁNICAS E UNHA DE TECIDOS NO COMPLEXO HOSPITALARIO UNIVERSITARIO DE FERROL DURANTE O ÚLTIMO ANO
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Sistema de lectura automática do Sergas Lectura automática
» Axuda
.
05 06 2019

​Producíronse dúas doazóns multiorgánicas e unha doazón de tecidos, durante o último ano, no Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol. Así o explicaban esta mañá profesionais da Xerencia Integrada de Ferrol de diversos ámbitos que se sumaban á Asociación para a Loita contra as enfermidades de Ril, Alcer Coruña, nunha mesa informativa por mor do Día Mundial do Doador de Órganos que se situaba na entrada principal do Hospital Arquitecto Marcide. Destacar algo moi importante: Unha doazón multiorgánica salva ou mellora a calidade de vida dunha media de oito persoas.

Sumáronse para recordar as bondades da doazón a directora de Procesos Asistenciais da Xerencia Integrada de Ferrol, Silvia Rodríguez Dapena; o responsable de Nefroloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol, Pablo Bouza Piñeiro; as profesionais da Unidade de Doazón do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol, Isabel Álvarez Diéguez, Juan Calvo López e Sandra Gomez Canosa; o presidente de Alcer Coruña e da Federación de Alcer Galicia, Rafael Rodríguez; e a traballadora social de Alcer Coruña, Ángela Breijo Durán.
Durante o último ano, realizáronse outras actividades relacionadas co fomento e coñecemento da importancia da doazón na área sanitaria ferrolá. Fíxose o I Curso de Doazón e Transplantes para os Médicos Internos Residentes. Xunto con isto, profesionais do Complexo Hospitalario Universitario ferrolá foron a diversos colexios da comarca para transmitirlle ós nenos e nenas que doar se traduce en salvar vidas.
Agradecemento ascenso tarxetas de doador
Nos 20 concellos que conforman a Xerencia Integrada de Ferrol, un total de 9.103 persoas teñen rexistrada a tarxeta de doador. Destácase esta mañá o agradecemento a estas persoas que colaboran neste acto solidario, xa que nos últimos anos estas cifras teñen sido ascendentes tanto en global como en particular en cada un dos Concellos. No ano 2017 eran 8.565 as tarxetas; e no ano 2018, un total de 8.867. Como indican dende a Axencia de Doazón de Órganos e Sangue, ADOS, “procurar que tódalas persoas sexan doadoras non é só por solidariedade, tamén é polo noso propio ben: en calquera momento algún de nós podería necesitar un transplante para vivir. Se todos somos doadores, todos teremos máis posibilidades”.
A mellor maneira para asegurar que exista a oportunidade de vida que ofrecen os transplantes é facerse doador. A tarxeta de doador é un documento que se solicita e formaliza en vida sen compromiso legal. Pero a súa utilidade é expresar de maneira escrita o testemuño de desexo de doar. Non obstante, o máis importante é que a familia coñeza ese desexo, xa que os médicos sempre a van consultar e poderán referendar esa vontade de doazón expresada formalmente tempo atrás.
Esta tarxeta expídese en institucións públicas como a Consellería de Sanidade ou o Complexo Hospitalario, por exemplo; privadas, como algunhas asociacións de pacientes; e, tamén, a través do espazo web do Servizo Galego de Saúde, www.sergas.es. Neste espazo, facilítase información e números de contacto. Sempre é gratuíta e tela non implica un compromiso definitivo, xa que se pode anular sempre que o titular o desexe.
Os órganos que se poden doar son os riles, o fígado, o páncreas, o corazón, os pulmóns e o intestino. E os tecidos, as córneas; pel; óso, cartilaxes e tendóns; vasos sanguíneos (arterias e veas); válvulas cardíacas; sangue e os proxenitores hematopoéticos (da medula ósea, do sangue periférico e do sangue de cordón umbilical); e a membrana amniótica da placenta. Pódese ser doador en vida ou tralo falecemento.
A taxa de negativas familiares situouse en Galicia, o pasado ano 2018, nun índice de 16,5%, a cifra máis baixa dende o inicio da actividade de transplantes, e que rexistra unha diminución de cinco puntos con respecto ó ano anterior. O Servizo Galego de Saúde acadou, no pasado ano 2018, unha cifra récord de 354 transplantes de órganos nos seus hospitais de referencia, a máis elevada desde que se iniciou a actividade de transplante en Galicia. Do total, 170 foron de ril; dos cales 31 procedían de doante vivo, 124 de fígado, 2 de páncreas, 25 de corazón e 33 de pulmón. Salientar que, desde que se realizou o primeiro transplante, no ano 1981, ata o 31 de decembro de 2018, xa se levan feitos en Galicia un total de 7.942 transplantes de órganos.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss