HUMANIZACIÓN NA ASISTENCIA Ó NACEMENTO E Á LACTACIÓN É O EIXO DA VIII XORNADA ORGANIZADA POLA REAL ACADEMIA DE MEDICINA E CIRURXÍA E O SERVIZO DE XINECOLOXÍA DO CHUF
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Sistema de lectura automática do Sergas Lectura automática
» Axuda
.
08 06 2019

A Humanización na Asistencia ó Nacemento e á Lactación na Xerencia Integrada de Ferrol é o eixo da VIII Xornada coorganizada entre a Real Academia de Medicina e Cirurxía de Galicia e a Servizo de Xinecoloxía e Obstetricia do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol. Este encontro anual é esta tarde, no salón de actos do Hospital Arquitecto Marcide do Complexo, e aborda cuestións de interese para os profesionais, tanto facultativos como de Enfermaría dos centros de saúde, do Centro de Orientación Familiar (COF) e do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol. Como resumo os coordinadores deste encontro, o xefe do Servizo de Obstetricia e Xinecoloxía, o especialista Manuel Ángel Veiga Tuimil; e o xinecólogo, Javier Martínez Pérez-Mendaña, o obxectivo xeral é “mellorar a humanización da asistencia ó nacemento e á lactación na área sanitaria ferrolá, involucrando a tódolos profesionais implicados na atención á muller embarazada”.
Xunto con isto, “promover atención humanizada coa aplicación da Medicina Baseada na Evidencia; axudar ó comezo da lactación dende o inicio do embarazo ata o puerperio; e difundir boas prácticas”. Lembrar que a área sanitaria ferrolá foi das primeiras en activar un Plan de Parto, onde se pormenorizan os pasos neste proceso; e realízanse sesións abertas para que as futuras nais coñezan as características dese Plan e do centro no que terá lugar o nacemento. Xunto con isto, vense de crear o pasado marzo unha Comisión de Lactación Materna na Xerencia Integrada de Ferrol, constituída por 19 profesionais de diversos ámbitos.
Humanización, visión de diferentes especialidades
Como indicaban dende a organización, “trátase de implicar non só ós profesionais que forman parte do proceso máis directamente, como os de Xinecoloxía ou Pediatría, senón a calquera profesional implicado, dende os centros de saúde, ata calquera profesional de Enfermaría ou Anestesia, por exemplo”. Existe evidencia científica de que os coidados axeitados ó recén nacido repercuten no seu desenvolvemento físico e psíquico”, engaden. A humanización é a protagonista da xornada trátase de perfeccionar o que se fai ben, e de promover boas prácticas, como, por exemplo, e entre outros, potenciar o contacto pel con pel, que se ten amosado como clave tanto no desenvolvemento do pequeno como para favorecer a lactación; ou manter os pais e o bebé o maior tempo posible xuntos no momento inmediatamente posterior ó parto. Trátase, en definitiva, dun “compromiso de aumentar a calidade e a calidez”. 
Primeiros pasos para solicitar a acreditación IHAN
Por outra banda, outro das grandes protagonistas desta sesión son os primeiros pasos que está a dar o Complexo para acadar a acreditación IHAN (siglas en inglés da iniciativa para a humanización na asistencia e ó nacemento e á lactación), promovida pola OMS e UNICEF. Un grupo de profesionais da área tiveron interese en dar un paso máis e realizar un cambio na atención, incidindo nesa humanización e o fomento da lactación materna, “considerada hoxe en día fundamental para o axeitado desenvolvemento do recén nacido. Iniciouse así o o proceso de acreditación IHAN.
Un deses primeiros chanzos foi a creación o pasado marzo da mencionada Comisión de Lactación, na que están representados tódolos grupos de profesionais implicados na atención á muller embarazada e ó seu fillo. Está formada por 19 profesionais de diversos ámbitos: especialistas en Xinecoloxía e Pediatría do centro hospitalario e dos centros de saúde, en Enfermaría Obstétrico Xinecolóxica (matrona), tamén dos centros de saúde e do Complexo; Enfermaría de Pediatría, Cirurxía, Tocoloxía, Obstetricia e Partos; Anestesia; Farmacia; e unha representante da asociación da área ferrolá, BBTTA.
Nese marco, preténdese concienciar ó persoal sanitario que atende á muller embarazada acerca desa humanización do parto e do fomento da lactación materna”; difundir á normativa vixente a ese respecto; difundir o código internacional de sucedáneos do leite materno; e xerar unha visión compartida da situación entre os diferentes niveis asistenciais, coa participación de tódolos profesionais, e que permita mellorar a continuidade asistencial. E que isto se materialice en cuestións básicos como evitar separación dos implicados no parto, nai, pai e bebé; garantir o acompañamento; ofrecer a máxima información; ou respectar a autonomía, entre outras. Trátase de “mellorar, de facer as cousas ben, pero que se produza un recoñecemento obxectivo de que as estás a facer ben, porque hai institucións que así o avalan”, indican dende a coordinación da xornada.
 
Lactación materna
Por último, incidir nas bondades da alimentación con leite materno nos nacidos con baixo peso (menos de 1.500 gramos) ou bebés prematuros (menos de 32 semanas), que son a redución de patoloxías como a enterocolitis necrosante (que é unha afectación severa do tracto intestinal); mellora da tolerancia alimentaria; ou diminución da sepse. Igualmente, os elementos do leite materno fan fronte ás enfermidades metabólicas, ás inmunodeficiencias, ás cardiopatías, a algunhas alerxias ou a enfermidade renal crónica, entre outras.
O Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol comezou a colaboración co Banco de Leite do Complexo Santiagués o pasado novembro. A principal vantaxe desta colaboración é que as nais que desexen doar leite materno poden facelo xa no Complexo Ferrolá como centro receptor do leite, sen ter que se desprazar a Santiago de Compostela, como sucedía ata ese momento; e que se ofrece a posibilidade de alimentar ós bebés con ese leite materno. En termos xerais, existen dous Bancos de Leite en Galicia onde se facilita, tramita e procesa o leite materno procedente de doazón, un en Vigo e outro en Santiago de Compostela. Ata a actualidade, cando unha nai da área sanitaria ferrolá quería ser doante de leite materno tiña que se desprazar ó banco de leite santiagués para levar o leite. Na actualidade, grazas a esta colaboración, as nais que opten por este acto altruísta poden deixar xa o leite no Servizo de Pediatría do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss