ALTA PARTICIPACIÓN DE UROLOXÍA DO CHUF NO CONGRESO NACIONAL DESTA ESPECIALIDADE QUE SE CELEBRA EN BILBAO
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Sistema de lectura automática do Sergas Lectura automática
» Axuda
.
12 06 2019

Profesionais do Servizo de Uroloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol participan activamente no LXXXIV Congreso Nacional de Uroloxía que reúne a especialistas de toda España no encontro da Sociedade Española desta especialidade, que se celebra entre os días 12 e 15 de xuño, en Bilbao. Foron admitidas un total de de 13 comunicacións de profesionais do Complexo ferrolá das ó redor de 350 presentadas de todo o territorio nacional. Son 6 comunicacións orais, 4 tipo póster e 3 vídeos. A linfadectomía, extirpación de ganglios no cancro de próstata, como técnica novedosa; a nefrectomía parcial laparoscópica, atención ó cancro de ril con estas cirurxías, nas que este Complexo destaca; e a Prostatectomía Radical Laparoscópica son as tres grandes protagonistas na participación do Complexo ferrolá.

Así, destacan cuestións relacionadas coa Linfadectomía, unha técnica moi novedosa de extirpación de ganglios linfáticos do abdome ou a pelve no cancro de próstata avanzado, e que, na actualidade, se está a realizar en poucos hospitais. Preséntanse casos clínicos en formato vídeo relacionados con isto; e os resultados nos 17 primeiros pacientes atendidos con esta técnica novedosa.
 

Expertos en Nefrectomía laparoscópica
Por outra banda, lembrar que o Servizo de Uroloxía do Complexo Hospitalario ferrolá foi dos primeiros en comezar a realizar a cirurxía laparoscópica, mediante pequenas incisións polas que se introducía a parataxe necesaria para operar. Esta técnica supón mellorar a recuperación, ó ser as intervencións menos agresivas que a cirurxía aberta. En concreto, este Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol destaca, por exemplo, no ámbito das intervencións de cirurxía laparoscópica conservadora no ril.
 
Neste senso, os profesionais ferrolás foron os primeiros en optar por cirurxía laparoscópica para intervir nas lesións do ril e preservar o ril enteiro, fronte a dinámica precedente de extirpar o órgano ante unha lesión, e facelo con cirurxía aberta, que ten moitos menos beneficios para o paciente. Por iso, grande parte dos traballos se centran nesta técnica cirúrxica da nefrectomía parcial laparoscópica, xa de longo percorrido en experiencia deste Complexo.
Neste eido, destaca, entre outras cuestións, o traballo cun novo un modelo preditivo, un marcador morfométrico co que se calcula, segundo variables na forma do tumor, a dificultade que os especialistas van atopar nesa cirurxía.
 

Próstata e outras cuestións
Outro aspecto destacable é a presentación de datos relativos a unha das series máis grande de casos en relación coa laparoscopia de hiperplasia (crecemento benigno) da próstata. Son un total de 120 casos na área ferrolá. A Radioterapia en cancro de próstata foi outra das cuestións tratadas polos profesionais ferroláns neste encontro nacional.
 

A cirurxía de uretra como algo pouco común tamén se aborda en Bilbao, onde se amosan resultados relacionados cun total de 58 casos no Complexo ferrolá. Xunto con isto, e noutra orde de cousas, o emprego da ecografía laparoscópica como ferramenta de grande utilidade en determinadas intervencións nas que resulta difícil ou imposible localizar unha estrutura ou identificar os seus límites tamén protagoniza un vídeo. Esta técnica permite materializar unha abordaxe conservadora e minimamente invasiva, como sucede nos caso presentados.
 

“Que acepten tantos traballos deste centro e en formato oral dá conta da importancia ou interese que suscita o tema, sobre todo naquelas técnicas nas que temos sido os primeiros ou dos primeiros en traballar”, explica o responsable do Servizo, o especialista en Uroloxía Andrés Rodríguez Alonso. Outra cuestión moi interesante son “os tratamentos individualizados, tratamentos dirixidos directamente ás lesións, que van tentar solucionar un problema concreto a un paciente concreto”, remarca este profesional.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss