O CONSELLEIRO DE SANIDADE SUBLIÑA A IMPLICACIÓN DA CIDADANÍA GALEGA E DOS DISTINTOS COLECTIVOS SOCIAIS A PROL DA DOAZÓN NA ENTREGA DE RECOÑECEMENTOS DO DÍA MUNDIAL DO DOADOR DE SANGUE
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Sistema de lectura automática do Sergas Lectura automática
» Axuda
.
14 06 2019

​O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, salientou o carácter xeneroso dos galegos e das galegas a prol da doazón de sangue, no transcurso da entrega de recoñecementos co gallo do Día Mundial do Doador de Sangue, que tivo lugar esta maña nun acto desenvolvido na Cidade de Cultura. Así mesmo, o titular do departamento de Sanidade, quixo facer unha positiva valoración do traballo realizado a prol da creación dunha conciencia social proclive á doazón de sangue, que ten levado a Galicia a situarse como unha das comunidades autónomas con maiores índices de participación.

Almuiña manifestou o compromiso do Executivo galego de continuar a traballar arreo para achegar a doazón de sangue a toda a cidadanía, e seguir a ofrecer o mellor servizo aos doadores e doadoras e aos receptores da súa solidariedade: os doentes dos nosos hospitais.
 
Labor de visibilización
A directora da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS), Marisa López García, manifestou que “o noso obxectivo é ser unha canle, a conexión vital que posibilita que unhas persoas poidan axudar ás outras” e quixo que esta xornada permita visibilizar a importancia da colaboración dos cidadáns que desinteresadamente, cada día, fan unha doazón de sangue.
 

Tanto o conselleiro de Sanidade como a directora de ADOS manifestaron o agradecemento aos doadores e doadoras e convidaron a todos os cidadáns e colectivos da sociedade galega a sumarse ao espírito solidario e xeneroso que supón facer unha doazón de sangue.

Distincións

Os concellos que obtiveron o recoñecemento nesta edición foron os de Melide,  Chantada, A Gudiña e Cambados, en representación de todos os municipios galegos, salientando que “todos os concellos galegos son grandes en solidariedade”, como subliñaron tanto o conselleiro de Sanidade como a directora de ADOS.
 
Así mesmo, El Corte Inglés da Coruña, Nova Frigsa en Lugo, Galfor en San Cibrao das Viñas e CTAG de Porriño, recibiron a distinción na categoría de empresas, e a Facultade de Economía e Empresa da Coruña, Escola Politécnica Superior de Ferrol, Facultade de Filoloxía de Santiago, Facultade de Veterinaria de Lugo, Facultade de Ciencias da Educación de Ourense, Facultade de Belas Artes e a Escola de Restauración de Pontevedra, así como a Escola de Enxeñería Industrial de Vigo, acadaron o recoñecemento polo seu destacado compromiso a prol da doazón de sangue.
 

Os centros de ensino non universitario distinguidos hoxe foron o CIFP Compostela (Santiago), IES María Sarmiento (Viveiro), CIFP Portovello (Ourense) e o IES Manuel Antonio (Vigo). Salientar, ademais, que, dentro do ámbito educativo, premiouse a iniciativa de Aprendizaxe e Servizo desenvolvida o presente curso académico coas facultades de Enfermería e de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago de Compostela, así como a campaña espontánea de sensibilización a prol da doazón de sangue impulsada polos estudantes do centro escolar Maristas El Pilar de Vigo.

As forzas armadas tamén tiveron o seu recoñecemento coas distincións outorgadas á Escola Naval Militar de Marín e, no tocante a Forzas e corpos de seguridade do Estado, salientouse a colaboración da Garda Civil de Galicia.

 

Campañas especiais

Representantes do mundo do deporte estiveron hoxe na entrega de distincións do Día Mundial do Doador de Sangue, xa que o RC Celta de Vigo e o RC Deportivo da Coruña recolleron o recoñecemento ás campañas especiais de doazón “Imposible sen ti” e “Sangue Celeste-Corazón Branquiazul”, así como outras iniciativas conxuntas desenvolvidas nos últimos anos dentro de ámbito do fútbol.
 
Por último, salientouse a longa traxectoria, de máis de dúas décadas, de colaboración co programa de educación medioambiental e innovación educativa “Voz Natura”, un xeito lúdico de achegar hábitos de vida saudables e actitudes respectuosas co noso medio ambiente entre os máis novos e novas.

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss