ALMUIÑA ANUNCIA A MELLORA DAS VACINAS INCLUÍDAS NO CALENDARIO INFANTIL PARA INCREMENTAR A PROTECCIÓN FRONTE AO VIRUS DO PAPILOMA E O MENINGOCO C
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Sistema de lectura automática do Sergas Lectura automática
» Axuda
.
22 06 2019

​O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, anunciou hoxe, na inauguración das XXII Xornada central de formación en vacinas, algunhas das novidades que o seu departamento incorporará nos vindeiros meses ao Programa Galego de Vacinación, “cunha firme aposta orzamentaria e co convencemento de que é necesario investir os recursos humanos e materiais para ter o mellor calendario posible”, dixo. En concreto, trátase da mellora das vacinas incluídas no calendario infantil para incrementar a protección fronte ao virus o do papiloma humano (VPH) e o meningoco C.

Neste senso, Almuiña anunciou a substitución, a partir de mediados de xullo, da vacina fronte ao VPH, que se administra actualmente ás nenas aos 12 anos (e que protexe fronte a 2 virus), pola vacina nonavalente, que aumenta a protección fronte a 9 virus (en concreto fronte a 7 serotipos oncoxénicos e 2 non oncoxénicos responsables das verrugas xenitais). “Estimamos que, a pesares da boa eficacia da vacina bivalente utilizada en Galicia, desde o inicio desta medida, a vacina nonavalente pode aportar unha porcentaxe en torno ao 10% máis de prevención de casos de cancro”, subliñou Almuiña.
 
Outra das novidades será a substitución da vacina monovalente fronte ao meningococo C dos 12 anos pola vacina tetravalente que, ademais de protexer fronte a este serogrupo, ofrece protección tamén fronte aos serogrupos A, Y e W.  Para que esta medida sexa o máis efectiva posible e acadar protección comunitaria fronte a esta enfermidade, o conselleiro explicou que a medida complementarase coa vacinación de rescate, de maneira coordinada con todas as comunidades autónomas, durante 2 ou 3 anos para vacinar á poboación adolescente dende os 13 ata os 18 anos. En Galicia, esta vacina tamén se ofertará aos que cumpran 12 anos en 2019, co que se cubrirá a vacinación de 7 cohortes de mozos e mozas.
 
Grupos de risco
No tocante as modificacións nas vacinas destinadas a grupos de risco, estase a adaptar e a ampliar as indicacións consensuadas a nivel estatal, especialmente no referente ao uso da vacina VPH, en persoas VIH positivas e en homes que teñen sexo con homes, ampliando a indicación de vacinación ata os 45 anos, en vez de limitala ata os 25 anos.
 
O conselleiro tamén fixo referencia aos bos resultados da cobertura da vacinación fronte á gripe acadados durante a última campaña, especialmente no colectivo de embarazadas, que foi excelente, e en profesionais sanitarios, consolidándose ademais a tendencia ascendente dos resultados acadados nos maiores de 65 anos. Neste senso, subliñou que nesta última campaña acadouse unha cobertura do 58,62%, por riba da media do Estado e que sitúa a Galicia coo a sexta comunidade con mellores coberturas de vacinación fronte a gripe.
 
Coberturas calendario de vacinación infantil
Durante a súa intervención, Almuiña destacou os bos resultados e o prestixio que goza o Programa Galego de Vacinación. E, neste senso, afirmou que as coberturas de vacinación infantil en Galicia non só se consolidan como moi boas senón que se sitúan como unha das máis altas do Estado.
 
Neste senso, os datos de coberturas no calendario infantil relativos ao ano 2018 abordados na xornada reflicten unhas elevadas coberturas vacinais en todos os grupos avaliados. As coberturas documentadas superan en moitos casos o 99% en primovacinación (que fai referencia ás doses de vacina necesarias para que nos vacinados se acade unha taxa suficiente para garantir a súa protección inicial, sen as doses de recordo), superando as medias de cobertura no Estado.
 
No que atinxe as doses de reforzo ata os tres anos, destaca a cobertura da meningococo C (aos 12 meses), que acada unha porcentaxe do 99,8%, fronte ao 89,7% da media de España, situando á comunidade galega como a primeira do Estado nesta cobertura. Tamén é destacable neste grupo de idade os datos da triple vírica, cunha cobertura en Galicia do 92,6% superior á media do Estado, que é do 89,3%. 
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss