A AMBULANCIA MEDICALIZADA DO 061 CON BASE EN SANXENXO PRESTARÁ ASISTENCIA SANITARIA DESDE MAÑÁ ATA O 1 DE SETEMBRO
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Sistema de lectura automática do Sergas Lectura automática
» Axuda
.
27 06 2019
​A Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061, como vén sendo habitual, incorpora desde mañá, 28 de xuño, e ata o 1 de setembro unha ambulancia asistencial de soporte vital avanzado con base en Sanxenxo debido ao aumento da poboación flotante na zona durante a época estival.
 
Así, o 061 de Galicia contará durante as 24 horas, nos meses de verán, cunha  ambulancia asistencial de soporte vital avanzado no centro de saúde de Baltar situado entre as localidades de Sanxenxo e Portonovo que dará cobertura sanitaria aos concellos de Sanxenxo, Cambados, O Grove, Meaño, Meis, A Illa de Arousa, Vilanova de Arousa, Vilagarcía de Arousa e Ribadumia. Durante o período estival, a poboación destes concellos aumenta debido ao turismo e provoca a existencia de grandes fluxos de circulación polas estradas que incrementan a sinistralidade  por accidentes de tráfico.
 
A ambulancia asistencial de soporte vital avanzado con base en Sanxenxo conta cun equipo humano composto por un médico e un enfermeiro especializados na atención sanitaria en situacións de emerxencia e dous técnicos en emerxencias sanitarias. O equipamento deste recurso permite prestar asistencia médica in situ a pacientes de extrema gravidade e asistilos durante o traslado ao centro hospitalario.
 
Actividade no verán 2018
No período comprendido entre o 29 de xuño e o 2 de setembro do ano pasado, a ambulancia asistencial de soporte vital avanzado con base no centro de saúde de Baltar mobilizouse en 229 ocasións e asistiu a 244 persoas. Do total de asistidos, 94 persoas foron trasladadas a un centro hospitalario pola propia unidade, 13 ao centro de atención primaria, 70 persoas foron trasladadas polas ambulancias asistenciais de soporte vital básico e 67 persoas foron atendidas no punto do incidente sen necesitar traslado.
 
As patoloxías máis comúns, atendidas por este recurso asistencial medicalizado, foron as alteracións da consciencia con 45 asistencias, a dor torácica con 29 persoas atendidas, convulsións con sete casos, os accidentes de tráfico con 12 asistidos e os problemas respiratorios con 18 asistencias.
 
Cómpre lembrar que Urxencias Sanitarias de Galicia-061 é o servizo de referencia para a  atención ás urxencias e ás emerxencias fóra do ámbito hospitalario, que garante a resposta precisa ás necesidades de consulta e á asistencia sanitaria urxente en calquera punto de Galicia ás 24 horas os 365 días do ano. 
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss