O NOVO DECRETO DE SANIDADE MORTUORIA REGULA OS CREMATORIOS E MODIFICA OS REQUISITOS PARA EXHUMACIÓNS
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Sistema de lectura automática do Sergas Lectura automática
» Axuda
.
28 06 2019

​A Consellería de Sanidade vén de publicar no Portal de Transparencia o texto do proxecto do novo Decreto de sanidade mortuoria de Galicia que modificará, unha vez aprobado, o texto legal actualmente vixente. Entre as principais novidades está a regulación dos crematorios, a modificación dos requisitos para exhumacións e a creación dun rexistro de empresas e establecementos funerarios en Galicia. Contémplase igualmente a posibilidade de eximir do uso do féretro para enterramentos cando se demande por razóns de confesionalidade.

No que atinxe aos crematorios, o novo texto normativo especifica que os de nova construción deberán gardar unha distancia mínima de 200 metros respecto a urbanizacións, vivendas, residencias, centros sanitarios e educativos, instalacións deportivas e outras de carácter similar. Aqueles crematorios que xa estiveran en funcionamento antes da entrada en vigor do novo texto, e que non cumpran a distancia mínima, deberán presentar un estudio de dispersión de contaminantes á atmosfera, ao obxecto de comprobar que os gases que se emitan á atmosfera non sexan perigosos para o entorno no que se atopan.
 
No tocante ás inhumacións e exhumacións, o decreto introduce como novidade a posibilidade de inhumar os cadáveres sen féretro para os casos nos que por razóns de confesionalidade así se demande. Trátase de dar solución ás costumes das crenzas relixiosas nas que o enterramento do cadáver faise directamente en contacto coa terra (caso, por exemplo, dos musulmáns).
 
Outra novidade neste apartado é que desaparece a autorización previa de Sanidade para proceder a exhumación de cadáveres e restos cadavéricos. Esta autorización sanitaria previa substituirase pola declaración responsable. Estarían exentas as reinhumacións de restos cadavéricos que tiveran lugar no mesmo cemiterio. 
 
Censo de prestadores de servizos funerarios
O documento contempla tamén a creación dun censo de prestadores de servizos funerarios, no que se inscribirán as empresas funerarias, tanatorios, velatorios e crematorios de Galicia. Non só facilitará a información entre autonomías, senón que, en base a unha maior transparencia e publicidade, unha vez elaborado, o listado estará a disposición da poboación en xeral na páxina web do Sergas.
 
Finalmente, modifícase o regulamento dos enterramentos en lugares especiais (naqueles lugares de culto e recintos institucionais de especial relevancia histórica e ou artística). Neste senso, elimínase a autorización sanitaria requirida no actual texto normativo para aqueles lugares xa existentes. E, no tocante aos de nova construción, serán os concellos nos que estean situados os encargados de instruír e resolver os expedientes e de outorgar a correspondente licenza. Sanidade emitirá un informe que terá carácter preceptivo.
 
Subliñar que gran parte das modificacións e novidades recollidas no texto do proxecto do novo Decreto de sanidade mortuoria de Galicia baséanse nos aspectos sanitarios sobre esta materia recollidos na Guía de consenso sobre sanidade mortuoria, aprobada o pasado ano na Comisión de Saúde Pública do Sistema Nacional de Saúde, na que participaron representantes das Comunidades Autónomas.
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss