PSIQUIATRÍA DO CHUF PREMIO Á MELLOR COMUNICACIÓN ORAL NO 16 SIMPOSIO NACIONAL SOBRE TRATAMENTO ASERTIVO COMUNITARIO
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Sistema de lectura automática do Sergas Lectura automática
» Axuda
.
01 07 2019

O Médico Interno Residente de Psiquiatría, Alfonso Núñez Boquete, gañou o premio á mellor comunicación oral no 16 Simposio Nacional sobre Tratamento Asertivo Comunitario, que se celebraba hai uns días en Avilés (27 e 28 de xuño). Valorouse un traballo descritivo de seguimento dos pacientes a tratamento no Equipo de Tratamento Asertivo Comunitario (ETAC) da área sanitaria de Ferrol, así como o seu nivel de resolución en dous momentos do tratamento, ó segundo e ó quinto ano. Como indican dende o Servizo de Psiquiatría do Complexo, é a quinta ocasión na que o traballo dos residentes de psiquiatría expoñendo aspectos sobre a área de Rehabilitación de Ferrol é premiado nun congreso nacional que reúne a expertos españois, europeos e americanos en Rehabilitación Psicosocial e Tratamento asertivo Comunitario.
Lembrar que o Servicio de Salud Mental da área sanitaria ferrolá traballa segundo o modelo comunitario. Nunha rede de saúde mental comunitaria a Unidade de Saúde Mental adopta unha posición central, sendo os seus profesionais os garantes da continuidade de coidados dos pacientes con enfermidade mental grave. Na área sanitaria ferrolá, a atención estrutúrase basicamente nos dispositivos de Hospitalización, Psicoxeriatría, Atención a adiccións e a Área de Rehabilitación Psicosocial.
Dentro deste ámbito de Rehabilitación Psicosocial, cóntase co Hospital de Día Psiquiátrico, que é un punto forte desta área sanitaria xa que acoden tanto paciente crónicos como subagudos, evitándose de esta maneira moitos ingresos hospitalarios. Xunto ó Hospital de Día, está tamén o mencionado Equipo de Tratamento Asertivo Comunitario (ETAC), para o seguimento domiciliario, no que se centra o traballo premiado. Esta área foi a primeira en Galicia, e a cuarta en España en traballar con esta metodoloxía. Súmase a estes dous dispositivos o Centro de Rehabilitación Psicosocial e Laboral para pacientes psicóticos crónicos con importante deterioro.
Traballo premiado, unha mirada ó futuro dende o pasado
No Simposio nacional en Avilés, destacouse un estudo prospectivo descritivo, no que se analizan os diferentes problemas reflectidos no primeiro Plan Individualizado de Tratamento (PIT) en Rehabilitación, que é un documento cos datos dos paciente, a súa historia clínica e evolución. Xunto con isto, abórdase tamén o seu nivel de resolución avaliando ese mesmo Plan ó segundo ano e ó quinto de tratamento. Coñécense así os principais problemas e a súa capacidade de resolución. Traballáronse os datos relativos a sesenta pacientes, 48 homes e 12 mulleres, entre 40 e 60 anos. O diagnóstico de maior prevaleza é a esquizofrenia paranoide, presente en máis da metade. No total dos pacientes, preséntanse unha media de tres problemas por paciente no Plan inicial. Os problemas máis frecuentemente obxectivados son, en primeiro lugar, a toma inadecuada do tratamento, seguido polas dificultades nas tarefas do fogar e coidado persoal, e o illamento social e familiar.
No segundo momento de análise do Plan, un ano despois, un 46% dos problemas téñense solucionado totalmente, e un 36% parcialmente. E, no Plan ó quinto ano, estas porcentaxes elévanse ó 62% de resolución total e un 30% de forma parcial. O problema máis frecuentemente solucionado é o da toma de medicación. Neste traballo, os profesionais conclúen que a intervención do equipo do Tratamento Asertivo Comunitario, permite conseguir a resolución, ó cabo dun ano de seguimento, dunha porcentaxe moi importante dos problemas recollidos no Plan Individualizado de Tratamento inicial. E que, tras cinco anos no programa de alta intensidade, os resultados evolucións favorable e progresivamente.
Ademais, neste encontro nacional, as comunicacións conxuntas de profesionais da Xerencia Integrada de Ferrol, defendidas pola psiquiatra Vanesa Aller Labandeira e médico interno residente desta especialidade, Luis Miguel Martínez Agulleiro, foron a segunda e terceira comunicación mellor valorada polo tribunal.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss