17 centros de Saúde da Área Sanitaria de Santiago rexistran dende esta semana o documento de instrucións previas que recolle o testamento vital
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Sistema de lectura automática do Sergas Lectura automática
» Axuda
.
02 07 2019
 

Santiago de Compostela, 02 de xullo 2019.- A Xerencia de Xestión Integrada de Santiago estendeu a posibilidade de realizar o rexistro de instrucións previas (IPs) a 17 centros de saúde da área compostelá, que recollen este documento dende esta semana: son os centros de Arzúa, Melide, A Estrada, Boiro, Rianxo, Concepción Arenal, Fontiñas, Noia, Porto do Son, Lalín, Muros, Outes, Ribeira, Vite, Galeras, Milladoiro e Bertamiráns. Esta oferta é froito do compromiso da área sanitaria de Santiago polo desenvolvemento dos dereitos dos doentes, entre os que se contempla o principio ético de autonomía. É un paso máis na achega de prestacións, que ata agora só se daba nos hospitais, ao ámbito máis próximo a través do seu centro de atención primaria.

No ano 2013, coa habilitación por parte da Consellería de Sanidade de dous traballadores sociais no hospital Clínico, comezouse a facilitar información e posterior rexistro do documento de Instrucións Previas. No 2016 coa incorporación de 2 profesionais máis no Clínico e unha Traballadora Social no Hospital da Barbanza, aumentou considerablemente o número de demandantes. Arestora, súmanse 17 centros de saúde.

Neste servizo, as persoas que o desexen poden obter información e, no seu caso, poden presentar o documento no que expresen as súas instrucións con carácter previo ao momento no que non poidan realizalo polo seu estado de saúde. As vontades anticipadas recollidas no documento de Instrucións Previas (IP), constitúen un instrumento máis para garantir o respecto dos profesionais ás decisións dos enfermos. Este documento entra a formar parte do Rexistro Galego de IPs e figura na Historia Clínica Electrónica IANUS, para que sexa accesible a todos os profesionais sanitarios. Amais é revocable en calquera momento, se o paciente o desexa.
 
Este documento recólleno os profesionais do servizo de Traballo Social dependente da subdirección de calidade, e todas a súas intervencións fanse seguindo as directrices xerais do rexistro galego de IPs.

Dende o comezo do servizo, deuse información a preto de 800 persoas, das cales inscribiron o seu documento máis de 500. O número exacto de solicitudes de información a data de hoxe neste ano é de 175 e documentos rexistrados no 2019 é de 114.
En todo o ano 2018 houbo 117 formalizacións de rexistro de DIP no servizo de Traballo Social da Xerencia de Santiago, o que indica que se está dar un importante incremento.




https://www.sergas.es/Asistencia-sanitaria/Instrucións-previas-Información-para-o-cidadán






 

Saúdos
 

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss