PROFESIONAIS DE CARDIOLOXÍA ENTREGAN Á COCIÑA ECONÓMICA DE FERROL PARTE DOS BENEFICIOS DUNHA PUBLICACIÓN SOBRE ELECTROCARDIOGRAFÍA
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Sistema de lectura automática do Sergas Lectura automática
» Axuda
.
02 07 2019

O facultativo especialista en Cardioloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol, Emiliano Fernández-Obanza Windscheid; e a profesional de Enfermaría da Unidade de Coidados Intermedios de Cardioloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo, María Blanco Vidal, editaron hai dous anos unha publicación monográfica sobre unha das probas máis habituais no ámbito cardiolóxico, o Electrocardiograma (EKG). Esta publicación, Electrocardiografía Básica. Aproximación Práctica á Lectura do EKG (Electrocardiograma), recompila tódalas cuestións clave en torno a esta proba, e era a primeira destas características realizada por profesionais de Cardioloxía en Galicia. Está dirixida a tódolos profesionais de distintas categorías e ámbitos que teñen unha relación directa ou indirecta con esta proba, incluídos os profesionais en formación do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol.
 

Conscientes da necesaria implicación cos máis desfavorecidos, esta mañá, estes profesionais entregaban novamente a esta entidade unha parte dos beneficios da segunda edición, outros 3.100 euros. Como indican os autores da publicación, “únense a importancia da formación e apoio metodolóxico para o profesional da saúde e o valor do compromiso social”. Na actualidade, xa son máis de 8.000 os exemplares editados nas dúas primeiras edicións, e xa está dispoñible a terceira edición desta guía.
 

Electrocardiografía Básica
Esta publicación é unha aproximación básica, entendida como esencial ou elemental. O obxectivo é transmitir un enfoque baseado na análise sistemática deste estudo complementario pero integrando as bases fisiopatolóxicas, explican no libro. “Trátase de formarse na lectura sistemática do electrocardiograma”, resumen. A electrocardiografía consiste no rexistro da actividade eléctrica que se xera no corazón; ten máis de cen anos de historia; e é unha proba complementaria plenamente vixente e amplamente dispoñible para a atención ós pacientes tanto no ámbito dos centros de saúde como do hospital. A análise desta proba básica cardiolóxica aporta datos valiosos sobre a función cardíaca, o crecemento das cavidades, e os trastornos do ritmo e da circulación coronaria, entre outras cuestións.
 

“É practicamente a primeira proba que se realiza para o diagnóstico e seguimento das patoloxías cardíacas”, subliña Emiliano Fernández-Obanza. Hai que ter en conta que a patoloxía cardiovascular é a primeira causa de defunción por riba do cancro e das enfermidades respiratorias; un de cada tres falecementos son por causa cardiovascular.
 

Contidos da publicación
Segundo indica o cardiólogo “o libro comeza coa explicación dos principios anatómicos e fisiolóxicos que permiten ó corazón manternos con vida. O segundo capítulo proporciona as claves para interpretar a linguaxe que transmite o electrocardiograma, como se se tratara dunha partitura musical”, exemplifica. E o tres afonda nas características consideradas normais nesta proba. A segunda parte do libro abrangue xa ordenadamente as distintas patoloxías cuxo coñecemento se considera imprescindible. Son máis de 100 páxinas en cor, con imaxes, exemplos reais, e esquemas con texto de apoio.
 

“Existen electrocardiogramas en tódolos ámbitos da sanidade centros de saúde, urxencias hospitalarias, unidades de hospitalización, consultas externas, e realízanse centos de probas nun só día”, explica un dos autores desta publicación. E engade “dispor dun estudo tan eficaz e accesible é unha sorte; comprender a información que proporciona constitúe unha oportunidade para mellorar a calidade da nosa achega á saúde”.
 

Publicación práctica para diversos profesionais e ámbitos
Por isto, esta publicación está destinada a tódolos profesionais implicados nesta proba e na súa lectura. Recompila de xeito práctico os múltiples aspectos relacionados con ela, e aplicados ás distintas patoloxías. “Entendemos -explica- o valor que pode aportar esta publicación ó traballo da Enfermaría, en contacto permanente cos pacientes, por isto, témonos esmerado en adaptar o contido ás necesidades tanto dos estudantes de Enfermaría como de medicina, residentes en formación e enfermaría”.
 

“Contribuír á formación e á capacitación dos nosos profesionais con coñecementos sobre a interpretación dun electrocardiograma, sen dúbida redundará nunha mellor atención á poboación”, engade. “Empregar para isto unha ferramenta de carácter eminentemente práctico pretende converter a aprendizaxe nun proceso atractivo e motivador”, remarca este especialista en Cardioloxía.
 

A publicación foi declarada de interese científico e conta cos avais de diversas sociedades tanto nacionais como do eido galego, a Sociedade Española de Medicina de Urxencias e Emerxencias (SEMES), Sociedade Española de Enfermaría en Cardioloxía (AEEC), Sociedade Galega de Medicina Familiar e comunitaria (AGAMFEC) e a Asociación Galega de Enfermería Familiar e Comunitaria (AGEFEC).
 

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss