Preséntase a primeira tese doutoral da Unidade Mixta Roche-CHUS
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Sistema de lectura automática do Sergas Lectura automática
» Axuda
.
03 07 2019

Santiago de Compostela, 3 de xullo de 2019.- Logo de algo máis de tres anos en funcionamento, a Unidade Mixta Roche-CHUS segue cultivando éxitos. Agora, acaba de presentar a primeira tese doutoral da Unidade, un traballo de Tais Pereira, da liña de Biopsia Líquida, que consistiu en profundar na bioloxía das células tumorais circulantes (CTCs) e avaliar a súa utilidade como ferramenta de monitoraxe en pacientes con cancro metastásico.

Con este obxectivo se illaron e caracterizaron as CTCs de pacientes con cancro de mama para determinar o seu perfil de expresión xenética e identificar biomarcadores asociados coa resistencia á terapia. Ademais, avaliouse o valor prognóstico dos marcadores identificados e a súa relación cos parámetros clínicos dos pacientes. Así mesmo, se desenvolveu e caracterizou un modelo experimental pre-clínico a partir das CTCs dunha paciente con cancro de mama tripla negativo, o primeiro conseguido ata a data.


Neste traballo tamén se validou un novo sistema de illamento de CTCs desenvolto polo INL de Braga ( Iberian Natechnology Laboratory) para illar e caracterizar CTC de pacientes con cancro colorrectal metastásico.

As conclusións desta tese permitiron avanzar no coñecemento da bioloxía da poboación tumoral circulante e identificar marcadores con interese prognóstico que poderían axudar aos oncólogos para facer unha avaliación máis precisa do estado do tumor dos pacientes ao longo da evolución da enfermidade.

A tese, que obtivo a máxima cualificación “cum laude por unanimidade”, foi dirixida polas doutoras Clotilde Costa e Laura Muinelo. A doutora Costa é responsable da Liña de Biopsia Líquida da Unidade Mixta Roche-CHUS. En 2013 incorpórase ao grupo de Oncoloxía Médica Traslacional no Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela no proxecto Europeo InveNNta onde se centrou no illamento e caracterización de CTCs en pacientes metastásicos. Pola súa banda a doutora Muinelo é, desde o ano 2012, responsable da Unidade de Análise de Biopsia Líquida do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS). Esta unidade está especializada no estudo de Biopsia Líquida como ferramenta para caracterizar os tumores e levar a cabo unha Oncoloxía máis personalizada en distintos tipos de cancro (colon, mama, próstata, pulmón, ovario, cabeza e pescozo, endometrio, etc).

A Unidade Mixta Roche-CHUS
A Unidade Mixta Roche-CHUS é unha iniciativa de Roche Farma e o grupo de Oncoloxía Médica Traslacional do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS), financiada pola Axencia Galega de Innovación da Consellería de Economía, Emprego e Industria, e creada para desenvolver solucións innovadoras que melloren o diagnóstico, tratamento, avaliación e monitoraxe do cancro de mama e próstata de maneira individualizada.
Este grupo de traballo investiga en tres liñas: Biopsia Líquida, Nano-Oncoloxía e Modelización.

Tras a defensa da súa tese, o equipo de Biopsia Líquida conta cunha nova doutora, Tais Pereira, que seguirá desenvolvendo o seu labor investigador na área que dirixe a doutora Clotilde Costa Nogueira. A Unidade estuda os procesos metastásicos coa finalidade de obter resultados con aplicación clínica maximizando as posibilidades de que a investigación reverta no Sistema de Saúde no menor tempo posible. Deste xeito preténdese mellorar as expectativas e calidade de vida dos pacientes a través da oncoloxía de precisión.

A liña de Biopsia Líquida da Unidade Mixta Roche-CHUS céntrase no estudo do material tumoral presente en distintos fluídos biolóxicos, principalmente sangue de pacientes con cancro de mama e próstata, co obxectivo de buscar biomarcadores de prognóstico e resposta, resistencia a terapias, e dianas terapéuticas.

A Unidade Mixta Roche-CHUS de Oncoloxía de Precisión, cuxa labor foi ampliada ata 2021, xa rexistrou dúas patentes desde a súa creación en 2016, unha relacionada coa área de Nano-Oncoloxía e outra orientada á Biopsia Líquida con células tumorais circulantes (CTC) ademais de contar con máis de 40 comunicacións en congresos e varias publicacións.

Sobre o IDIS
Os laboratorios do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS). Situados no Hospital Clínico de Santiago, ocupan máis de 4.000 m2 dedicados á investigación. Dende a súa creación (2008), o IDIS captou 167.760.594 € en 526 proxectos (44 europeos), 234 contratos de persoal conseguidos de entidades externas e 1.673 ensaios clínicos, entre outras fontes de financiamento

Os principais obxectivos do IDIS consisten en conseguir a excelencia asistencial a través da investigación clínica, a participación do hospital en procesos de innovación terapéutica desde fases temperás do desenvolvemento farmacolóxico, a integración de novas tecnoloxías innovadoras e a creación de coñecemento para o desenvolvemento de novas dianas diagnósticas e terapéuticas con beneficio para os pacientes e para a sociedade.
 
Na actualidade, 1.071 investigadores clínicos e básicos intégranse en grupos de investigación organizados en 6 áreas de investigación: Oncoloxía, Xenética e Bioloxía de Sistemas, Endocrinoloxía, Neurociencias, Plataformas e Metodoloxía e Inflamación.

No ámbito da innovación e transferencia, desde o ano 2010, os investigadores clínicos participaron en distintas fases do desenvolvemento de novos fármacos en 1.673 ensaios clínicos, creáronse 4 empresas de base tecnolóxica e 3 unidades mixtas. O número de accións de propiedade intelectual incrementouse nos últimos anos con 60 solicitudes de patentes, das que 11 foron concedidas e 6 xa están en explotación.

Os indicadores de produtividade evolucionaron de forma positiva. Publicáronse 4.626 artigos orixinais, editoriais e revisións cun índice de impacto total de 20.656 puntos e un índice de impacto medio de 4,47 puntos. É de destacar que o 69,3% das publicacións científicas foron en revistas do primeiro cuartil e o 38% en revistas do primeiro decil, é dicir, as máis prestixiosas a nivel mundial no seu campo. No mesmo período de tempo, 479 teses de doutoramento foron dirixidas desde o IDIS.
 

 


 


Saúdos

 

 
   
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss