SANIDADE COMEZA A ADMINISTRAR A PARTIR DO 22 DE XULLO ÁS NENAS GALEGAS DE 12 ANOS A NOVA VACINA CONTRA O VIRUS DO PAPILOMA HUMANO, QUE AUMENTA A PROTECCIÓN
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Sistema de lectura automática do Sergas Lectura automática
» Axuda
.
21 07 2019
​A Consellería de Sanidade comezará a administrar a nova vacina nonavalente contra o virus do papiloma humano (VPH) ás nenas galegas de 12 anos a partir de mañá, luns, 22 de xullo. Esta nova vacina substitúe no calendario infantil á vacina bivalente que se está a administrar na actualidade, xa que aporta un 10% máis de prevención de casos de cancro, ao protexer de forma directa fronte a 7 xenotipos oncoxénicos, e ademais protexe das verrugas xenitais.
 
Deste xeito, e segundo informa a Dirección Xeral de Saúde Pública, as nenas que cumpran 12 anos, e que aínda non tiveran iniciada a vacinación fronte ao VPH, recibirán dúas doses da nova vacina nonavalente, cun intervalo mínimo entre ambas de cinco meses. Se a pauta se inicia nas maiores de 14 anos, as doses a recibir serán tres.
 
En pautas xa iniciadas, o departamento sanitario recomenda finalizar a vacinación coa mesma vacina, sempre que sexa posible. En caso contrario, administrarase a vacina nonavalente para finalizar o réxime de vacinación incompleto, seguindo as pautas marcadas en cada caso por Sanidade.
 
Ademais, seguindo as recomendacións de vacinación de grupos de risco de todas as idades, o departamento sanitario autonómico que dirixe Jesús Vázquez Almuiña, amplía ata os 45 anos a indicación da vacina nonavalente fronte ao VPH nas persoas con VIH, en homes que teñen sexo con homes, en persoas en situación de prostitución e en mulleres con transplantes de órgano sólido (TOS) ou de proxenitores hematopoéticos (TPH). Tamén se recomenda a administración da vacina en mulleres, de calquera idade, con tratamento excisional de cérvix. En todos estes casos, a pauta de vacinación será de 3 doses, independentemente da idade.
 
As vacinas deberán solicitarse seguindo o procedemento habitual e axustándose ás necesidades da poboación de 12 anos usuaria do punto de vacinación e á demanda para a poboación en risco desta enfermidade.
 
A vacinación fronte ao VPH entrou a formar parte do calendario do Programa Galego de Vacinación en setembro de 2008, para todas as rapazas nadas a partir do 1 de xaneiro de 1994. Esta vacinación vaise adaptando ás novidades técnicas e loxísticas que van xurdindo, así como á pauta e a idade de administración.
 
Subliñar que o virus do papiloma humano é o responsable do 5% dos casos de cancro, principalmente do cancro cervical, pero tamén doutros como o de vulva, vaxina, pene, ano e orofarinxe, de aí a importancia da súa prevención. 
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss