UN TOTAL DE 1.005.730 DE CONSULTAS NOS CENTROS DE SAÚDE E 2.800.000 ACTOS SANITARIOS NO COMPLEXO HOSPITALARIO FERROLÁ NUN SÓ SEMESTRE
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Sistema de lectura automática do Sergas Lectura automática
» Axuda
.
20 07 2019

​Os e as profesionais da Xerencia Integrada de Ferrol realizaron un total de 3.859.850 actos asistenciais en prol da saúde da poboación da área sanitaria ferrolá, durante o primeiro semestre do presente ano 2019. Así, no ámbito dos centros de saúde, realizáronse un total de 938.129 consultas; e atendéronse 67.601 urxencias nos Puntos de Atención Continuada, o ámbito urxente máis achegado á poboación.

Pola súa banda, no Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol, os e as profesionais realizaron 176.715 consultas externas; atenderon 33.077 Urxencias; prestaron atención ós  8.134 ingresos que se produciron neste primeiro semestre, e que supuxeron un total de 62.906 estancias hospitalarias; e realizaron un total de 4.875 cirurxías.
 
Por outra banda, para poder dar resposta á demanda sanitaria, servizos centrais do Complexo, como Radioloxía, fixeron un total de 83.063 probas radiolóxicas e os Laboratorios, 2.419.816 determinacións tanto de Bioquímica, como de Hematoloxía, Anatomía Patolóxica e Microbioloxía. Hai que ter en conta tamén a actividade dos Hospitais de Día, que permiten unha asistencia continuada do paciente sen que teña que ingresar. Realizáronse un total de 10.860 sesións nos hospitais de Día de Oncolóxico, Médico, Hematolóxico e Psiquiátrico.
 
Así, en torno a 190.000 persoas dos 20 concellos que conforman a área sanitaria ferrolá reciben a atención das e dos profesionais sanitarios nos 23 centros de saúde e consultorios; nos 9 Puntos de Atención Continuada e nos 3 centros que conforman o Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol (Hospitais Arquitecto Marcide, Naval e Novoa Santos). Actívanse constantemente protocolos de actuación, consultas de telemedicina, e emprego de vías rápidas de atención ós procesos prioritarios.
 
 
ACTOS SANITARIOS DA ÁREA SANITARIA FERROLÁ
PRIMEIRO SEMESTRE 2019

Nos centros de saúde:
Consultas: 938.129
Urxencias nos Puntos de Atención Continuada: 67.601

No Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol:
Consultas externas: 176.715
Urxencias: 33.077
Ingresos: 8.134
Estancias Hospitalarias: 62.906
Cirurxías: 4.875
Probas Radiolóxicas: 83.063
Hospitais de Día: 10.860 sesións
Determinacións Laboratorios Complexo: 2.419.816

 

A Xerencia Integrada de Ferrol agradece o traballo diario das e dos profesionais sanitarios e non sanitarios que conforman a área sanitaria, e que fan posible esta actividade de atención á poboación.

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss