A XUNTA CONVERTE O CAMIÑO DE SANTIAGO EN ESPAZO CARDIOPROTEXIDO COA INCORPORACIÓN DE DESFIBRILADORES SEMIAUTOMÁTICOS EXTERNOS NOS 70 ALBERGUES PÚBLICOS
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Sistema de lectura automática do Sergas Lectura automática
» Axuda
.
23 07 2019
​A Xunta de Galicia está a converter o Camiño de Santiago en espazo cardioprotexido coa incorporación de desfibriladores semiautomáticos externos (DESA) nos 70 albergues públicos na Comunidade Autónoma. Así, o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, e o conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, asinaron hoxe un acordo de colaboración entre a Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e a Axencia Turismo de Galicia para a instalación de DESA e a formación do persoal dos albergues públicos, na Oficina de Acollida ao Peregrino en Santiago. Ao acto tamén asistiu o director de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, Jose Flores Arias.
 
A través deste acordo de colaboración trátase de mellorar a cobertura sanitaria dos miles de peregrinos que realizan o percorrido do Camiño de Santiago polo territorio galego, especialmente nas rutas máis transitadas, que puideran necesitar a aplicación dun desfibrilador semiautomático externo no caso de sufrir unha parada cardiorrespiratoria.
 
A conversión do Camiño de Santiago nun  espazo cardioprotexido constitúe unha iniciativa pioneira en todo o territorio nacional e consigue implementar as recomendacións, das principais sociedades científicas e guías internacionais de atención ás emerxencias, que certifican que a aplicación temperá dos DESA constitúe unha das estratexias máis efectivas para mellorar o prognóstico da morte súbita. Inicialmente, este acordo de colaboración ten unha vixencia de catro anos, prorrogable por outros catro.
 
Iniciativa pioneira nacional
Ademais, con esta iniciativa increméntase o número de DESA situados en espazos públicos que poden ser utilizados por aqueles que asistan nun primeiro momento a persoas que sofran un episodio cardíaco revertible tras a aplicación dun desfibrilador semiautomático externo. Actualmente, a Comunidade Autónoma de Galicia conta con máis de 1.430 DESA en espazos públicos preparados para o seu uso inmediato no caso de necesidade.

 

Á instalación dos DESA nos albergues súmase a formación do persoal que traballa neles, de xeito que estes aparellos podan ser utilizados por persoal que dispoña de coñecementos actualizados no uso de desfibriladores semiautomáticos externos e na prestación de primeiros auxilios. A Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061, como organismo responsable do Rexistro de DESA en Galicia e de labores formativas sobre o seu uso, encargarase da formación de preto de 150 traballadores dos albergues.
 
Recreación dunha asistencia
Tras a sinatura do acordo de colaboración entre as consellerías de Sanidade e Cultura e Turismo, tivo lugar un simulacro no que se recreou a asistencia, a unha persoa que sofre unha parada cardiorrespiratoria, realizada por unha testemuña que utiliza un desfibrilador semiautomático externo, mentres unha unidade de soporte vital avanzado do 061 de Galicia estase a desprazar ao punto.
 
A concienciación na sociedade da importancia do recoñecemento dos sinais de morte súbita, así como das técnicas para a reanimación cardiopulmonar básica, resulta fundamental, xa que a RCP por testemuña duplica as posibilidades de supervivencia da vítima, como amosan os datos da análise das máis de 750 intervencións que cada ano atende Urxencias Sanitarias de Galicia-061.
 
As enfermidades cardiovasculares constitúen un dos problemas de saúde máis importantes actualmente en Galicia. A causa máis frecuente da parada cardiorrespiratoria nas persoas adultas é a síndrome coronaria aguda e, dentro desta, a fibrilación ventricular e a taquicardia ventricular sen pulso, que teñen como único tratamento a desfibrilación eléctrica. Nestas situacións, a dispoñibilidade inmediata de medios técnicos resulta imprescindible para abordar con éxito as manobras de reanimación.
 
Plan estratéxico do Xacobeo 2021
Esta folla de ruta busca que a cidadanía galega se implique e adquira protagonismo, que participe activamente a través do impulso de iniciativas propias e por iso, o Plan conta con achegas de máis de 600 persoas, entidades, organizacións políticas e peregrinos que farán  que Galicia mostre no Xacobeo 2021 todo o seu potencial e todas as súas capacidades no eido cultural, turístico e relixioso, pero tamén no económico e social.
 
Cómpre destacar que o Plan estratéxico do Xacobeo 2021 contempla, entre outras actuacións, un Plan de reforma e ampliación da rede de albergues e xa se está a traballar para que estes establecementos estean nas mellores condicións para o vindeiro Ano Santo. 
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss