PROFESIONAIS DA XERENCIA INTEGRADA DE FERROL INCLUÍRON A 642 PACIENTES NAS SETE VÍAS RÁPIDAS DE CANCRO DURANTE ESTE SEMESTRE
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Sistema de lectura automática do Sergas Lectura automática
» Axuda
.
24 07 2019

s e os profesionais da Xerencia Integrada de Ferrol incluíron, neste primeiro semestre do presente ano 2019, a un total de 642 pacientes nas distintas vías rápidas que xa están en marcha en Ferrol. Na actualidade, estase a traballar con vías rápidas para sete tipos de cancro: de colon, de mama, de próstata, de pulmón, o melanoma, de cabeza e colo, e de vexiga.
As vías rápidas son circuítos asistenciais para a abordaxe de pacientes con sospeita dun posible cancro. A finalidade é que o tempo que transcorra entre o diagnóstico de sospeita e a primeira actividade terapéutica non sexa superior ós 30 días. A clave destas vías rápidas é a coordinación e o traballo en equipos multidisciplinares dos profesionais da Xerencia implicados nestas patoloxías.
Coa implantación de vías rápidas acúrtase a espera dos pacientes para conseguir que, a través delas, o diagnóstico se faga o más rápido posible. Trátase de establecer criterios organizativos e estándares de atención, crear comisións de tumores, e desenvolver protocolos específicos. Conséguense melloras no que respecta ós tempos de resposta e evítase a duplicidade de probas ou actividades redundantes. A activación das vías rápidas é factible grazas ó esforzo de coordinación e integración dos e das profesionais ferrolás nestes ámbitos.
Mellora-la calidade de vida
O obxectivo actual é mellora-la calidade de vida das e dos pacientes que sufran esta patoloxía, e incrementar a súa supervivencia. En termos xerais, mellora-la accesibilidade, a coordinación asistencial, e a comodidade e información do paciente. O sistema sanitario debe conseguir que a atención ás persoas con sospeita de patoloxía grave tumoral sexa rápida, accesible, continuada, integral, eficaz e de boa calidade.
Neste senso, a Xerencia Integrada ferrolá xa está traballando no cancro de pulmón, no colorrectal, no de mama, no de próstata, no melanoma, no cancro de cabeza e colo e no de vexiga; e existen comités ó respecto que teñen establecido camiños clínicos ou protocolos concretos para trata-los casos dende a primeira sospeita ata, no caso de ser necesario se se confirma esa sospeita, o tratamento.


Vía Rápida
Pacientes atendidos (1º semestre 2019)
Cabeza e Colo
73
Colorrectal
146
Mama
150
Melanoma
42
Próstata
82
Pulmón
75
Vexiga
68
 

Total: 642
 
Procesos protocolizados
Estas vías permiten seleccionar ós pacientes con alta sospeita, e sempre en base a uns criterios establecidos no propio camiño clínico, e que se achega ós profesionais tanto dos centros de saúde como dos hospitais. Esa selección leva consigo a realización da proba complementaria necesaria (colonoscopia, rectoscopia, endoscopia dixestiva, broncoscopia, TAC, ou mamografías, entre outras, segundo a sospeita), e iniciar o plan terapéutico (cirúrxico ou médico) que precise, en menos de un mes.
 
Isto significa que cando un médico do centro de saúde, dunha consulta especializada, ou de urxencias sospeita dun posible cancro -en base ós signos definidos na folla de derivación do camiño clínico-, solicita unha interconsulta ao especialista hospitalario máis axeitado para a cita deste caso na consulta específica. O responsable da especialidade ou consulta correspondente valora esa petición e dálle unha cita, entrando no circuíto, no que se lle solicitarán as probas oportunas. En base ós resultados das mesmas, preséntanse os casos nós Comités que se reúnen semanalmente. 
 

O obxectivo deste circuíto é establecer, polo tanto, unha sistemática de actuación común para a axilización da atención ós pacientes con sospeita de cancro; e a sistemática establecida neste circuíto é aplicable a tódolos casos identificados da Xerencia. Empeza coa sospeita fundamentada de que un paciente pode ter un cancro, e remata cando se establece o Plan terapéutico para ese paciente.
En definitiva, estas vías rápidas evitan a demora diagnóstica; a favorecen tamén o control do avance dos estadios nos que se atope o tumor (estadificación), mediante a protocolización das probas diagnósticas asociadas, diminuíndo a variabilidade, e garantindo a calidade do proceso diagnóstico; validan a decisión terapéutica nun comité de tumores con enfoque multidisciplinar; e, tamén, melloran a atención e a información ó paciente.

SAÚDOS, 
COMUNICACIÓN DA XERENCIA INTEGRADA DE FERROL.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss